#25N: O BNG e Galiza Nova organizan "O machismo dá o cante, cambia de ritmo!"
A Coruña, 22 de novembro de 2013.- Este luns, 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia Machista, o BNG da comarca da Coruña e mais Galiza Nova organizan un acto público de denuncia e combate no adro da igrexa de San Nicolás ás 20h. Baixo o lema O machismo dá o cante, cambia de ritmo!, as nacionalistas desenvolverán unha actividade sorpresa para combater o sistema patriarcal.
Vitoria Louro, responsábel Acción Feminista do BNG na comarca, fai un chamamento ao pobo a que manifeste publicamente o rexeitamento ao terrorismo machista, o maior síntoma de desigualdade entre homes e mulleres. A nacionalista apunta que "desde o BNG queremos convidar a xente a mostrar unha actitude de tolerancia cero silencio, porque o silencio fainos cómplices e porque o machismo, mata!"
A responsábel de Acción Feminista pon de manifesto que as mulleres só poderán ter unha vida digna se teñen autonomía para saír con garantías da situación de violencia e acusa o Partido Popular de adoptar decisións que agreden as mulleres, como os recortes en servizos sociais, que provocan que a muller regrese ao fogar; a lei da familia ou a red madre. O BNG esixe que se trate a violencia machista como o que realmente é: o principal problema político.