Con "bebés" no colo, plumeiro, ferros de pasar... as mulleres do BNG piden emprego
A Coruña, 14 de decembro de 2013.- O Obelisco converteuse na mañá de hoxe nunha oficina de emprego con mulleres que se dirixían a ela a selar a tarxeta do paro. Non faltaron bonecos a modo de bebés no colo, ferros de pasar e camisas engurradas, plumeiros para sacar o pó, potas, a caixa da costura ou a vasoira. Tamén puido verse un mandil coa frase traballo imprescindíbel e unisex. A través dunha performance, a comisión de Acción Feminista do BNG e de Galiza Nova visibilizaron o paro feminino, que cada vez é máis alto na nosa cidade respecto dos homes (do total de 23.196 persoas no paro, 12.272 son mulleres e 10.924 son homes), a precarización que sofren as mulleres e o traballo invisíbel e non remunerado que realizan no fogar, unhas tarefas que o sistema patriarcal lles adscribe ás mulleres.
Con este acto visual, o BNG da Coruña e Galiza Nova da Coruña denunciaron que os recortes do PP, tanto desde o Goberno central como desde a Xunta de Galiza, provocan máis desigualdades entre homes e mulleres, o aumento do desemprego feminino, a precarización laboral das mulleres e, de xeito parello, o seu traballo invisíbel na esfera doméstica e feminizan da pobreza. As nacionalistas advirtiron de que detrás de todas as medidas do PP (lei da familia, inminente derrogación da lei do aborto, a reforma laboral e os recortes en servizos sociais) está o afán por recuperar unha sociedade onde as mulleres fiquen na casa.
A Comisión de Acción Feminista do BNG e de Galiza Nova puxeron de manifesto con esta performance que as mulleres son as máis afectadas polos recortes do estado de benestar e dos servizos públicos. Salientaron as nacionalistas que, cando se recorta e se empeora o funcionamento da educación, da sanidade e da atención á dependencia, son as mulleres as que se ven na obriga de asumir ou de ter que compensar ese déficit, incrementando a carga de traballo non remunerado no fogar para garantir o benestar do ámbito familiar.