O BNG acusa o Goberno local de enganar a cidadanía coas auditorías de Nostián
A Coruña, 17 de setembro de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego vén de sinalar, tras o encontro do alcalde da Coruña co presidente do Consorcio das Mariñas para analizar a situación actual da planta de Nostián, que é criticábel que o Goberno municipal non faga públicos os resultados das auditorías económica e medioambiental. Mais aínda, é moito máis criticábel, sinalan as nacionalistas, que pretenda o sr. Negreira enganarnos dicindo que aínda non as teñen interpretadas logo do tempo que xa pasou da contratación destas e da entrega dos seus resultados por parte das empresas adxudicatarias das auditorías.
Mentres o concello decide agora interpretar os resultados das auditorías, o tempo, sinala o BNG, corre en detrimento da cidadanía e dos propios traballadores, e en beneficio único e exclusivo de Albada.
É evidente que canto máis se tarda en facer públicas as auditorías máis se confirma a necesidade, ante a mala xestión da planta e a extorsión da empresa ao Concello e ao Consorcio, da intervención do Concello da Coruña en Albada para que se recicle e se faga viábel a planta.