O BNG solicítalle información ao Goberno local sobre as crianzas que non poden facer uso do comedor
A Coruña, 17 de setembro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo solicitará a través dunha iniciativa municipal que o Concello da Coruña faga un estudo de cantas familias en situación de extrema pobreza e exclusión social non poden facer uso do comedor escolar, ou das actividades extraescolares, porque non existe transporte escolar para se trasladar ás súas casas unha vez finalizado o comedor ou as actividades extraescolares. E é que desta maneira son as persoas, sinala a nacionalista, que máis precisan estas prestacións, as que non poden ter acceso a estes servizos por non dispor de transporte escolar. Isto faise patente, salienta, nas crianzas que moran en asentamentos precarios.
Tamén o Grupo municipal do BNG presentará unha serie de preguntas escritas para saber cantas alumnas e alumnos da ESO, Bacharelato e Ciclos de Grao Medio de Formación Profesional de centros públicos fóiselles concedida a bolsa comedor, xa que como xa denunciaran as nacionalistas os institutos públicos da Coruña non dispoñen de comedor, o que significa que serán os centros privados quen se poidan beneficiar da ampliación deste servizo a alumnas e alumnos de bacharelato e ciclos de grao medio.
A nacionalista lembra que xa o pasado 26 de marzo fixo unha serie de preguntas sobre cantas alumnas/os da ESO escolarizadas nos institutos públicos e nos colexios concertados accederan ás bolsas comedor durante o curso 2012/2013 e o Goberno local contestoulle que a convocatoria era unitaria e que non dispuñan de datos desglosados, polo que Bravo considera que ou hai escurantismo por parte do Goberno do sr Negreira ou hai falla dunha boa xestión.