PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA

As bibliotecas municipais levan dous anos sen contrato e o Goberno Local continúa sen actuar

Biblioteca Municipal de Os Rosais
A concelleira do BNG Avia Veira xulga “vergoñento” que o gabinete presidido por Inés Rey non teña levado aínda á Xunta de Goberno Local o inicio do proceso que debe levar a licitar un novo contrato para aquelas bibliotecas municipais cuxo servizo se presta en réxime de concesión.
As bibliotecas municipais levan dous anos sen contrato e o Goberno Local continúa sen actuar

Alega Avia Veira que en pouco máis dun mes, en concreto o 23 de xaneiro de 2021, estas bibliotecas municipais farán dous anos co contrato caducado.

Non ter dado ningún paso para resolver esta irregularidade supón unha “desatención absoluta á situación das traballadoras e traballadores das bibliotecas”, ben como unha “desatención absoluta á cultura e a un servizo esencial do Concello, tamén pola súa función social, como son as bibliotecas municipais”, argúe Veira.

Recorda a concelleira do BNG que a formación nacionalista pactou co PSOE no Acordo de Investidura de xuño de 2019 que o Goberno Local procuraría a mellor solución “legal e laboral posíbel á situación do persoal” destas bibliotecas, sempre co horizonte da unificación da rede para o servizo se prestar a través da xestión directa por parte do Concello.

Recorda a concelleira do BNG que a formación nacionalista pactou co PSOE no Acordo de Investidura de xuño de 2019 que o Goberno Local procuraría a mellor solución “legal e laboral posíbel á situación do persoal” destas bibliotecas

“Infelizmente o que estamos a ver é que o PSOE non está a cumprir o Acordo de Investidura a este respeito e, no canto de o facer, o que está é a abandonar as traballadoras e os traballadores das bibliotecas”, engade.

É por todo isto que a concelleira do BNG rexistrou unha pregunta por escrito ao Goberno Local en que se interesa basicamente por tres cuestións: cando ten previsto iniciar a licitación do novo contrato das bibliotecas municipais, que duración lle pensa dar á futura concesión e por que contía económica.

Finalmente, a edil nacionalista inquírelle ao Goberno Local como pensa facer para cumprir os termos do Acordo de Investidura asinado co BNG en todo o que ten a ver (situación das e dos traballadores, modelo de xestión) coas bibliotecas municipais.

 

As bibliotecas municipais levan dous anos sen contrato e o Goberno Local continúa sen actuar