As bibliotecarias continúan sen cobrar, así que o Goberno Local "ten que pasar das palabras aos feitos"
“O problema é que pasou o venres, pasou o sábado e pasou o domingo e as traballadoras continúan sen cobrar o que lles corresponde. E tampouco sabemos que medidas adoptou o Goberno Local porque non fixo ningunha comunicación pública ao respecto”, afirma a concelleira do BNG Avia Veira, quen acompañou esta mañá a concentración das bibliotecarias diante do Pazo de María Pita.
“Entendemos que ás veces a burocracia é lenta, mais o que sería desexábel é que o Goberno Local estivese en comunicación constante co Comité de Empresa e este estivese puntualmente informado dos pasos que dá aquel”, engade Veira.
“É tempo xa de pasar das palabras aos feitos. A xente non pode estar sen cobrar o que lle corresponde”, conclúe.