Benvida a mudanza de PP e PSOE sobre o porto, mais non abonda: hai que revisar o PXOM e o convenio de 2004 e condonar a débeda

FJ em RC
Jorquera, no debate en Radio Coruña

O portavoz do BNG en María Pita e candidato nacionalista á Alcaldía, Francisco Jorquera, celebra que en relación á adquisición dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo por parte do Concello “o PSOE e o PP modificasen a súa posición e agora defendan o mesmo que sempre defendeu o BNG”.

Benvida a mudanza de PP e PSOE sobre o porto, mais non abonda: hai que revisar o PXOM e o convenio de 2004 e condonar a débeda

“O BNG sempre defendeu que non había que pagar por uns terreos que xa eran públicos. Congratulámonos de que PP e PSOE mudasen de posición”, indica Jorquera. “Hai que lembrar”, engade, “que a Xunta anunciara a súa pretensión de pagar 20 millóns de euros para se facer coa titularidade de Calvo Sotelo e Batería”.

No mesmo sentido, “o Goberno Local anunciara tamén que a súa intención era pagar para o Concello ser titular do 75% deses peiraos”.

Con todo, para o BNG con esta retractación de PP e PSOE non chega. “Non abonda con esta rectificación. Hai que modificar o PXOM e revisar os convenios de 2004 que contemplan a venda de terreos e a especulación urbanística en San Diego”, remarca.

E non só iso: “Continuamos a demandar a condonación da débeda do porto da Coruña con Portos do Estado para a construción do Porto Exterior ou unha solución alternativa como que o Estado contribúa cunha cantidade equivalente á transformación da fachada marítima”.

Alén diso, para o BNG é crucial que se constitúa un consorcio “coa participación de todas as administracións para impulsar esa transformación”.

 

 

Benvida a mudanza de PP e PSOE sobre o porto, mais non abonda: hai que revisar o PXOM e o convenio de 2004 e condonar a débeda