UNHA INICIATIVA DE DAVID SOTO

Batería de preguntas ao Goberno Local sobre a prevención de incendios en núcleos rurais, nomeadamente perto de Novo Mesoiro

Incendio perto de Novo Mesoiro
Incendio perto de Novo Mesoiro [Foto: FB de Voces de A Coruña]
O concelleiro do BNG David Soto acaba de rexistrar unha batería de preguntas por escrito ao Goberno Local en relación ás medidas de prevención de incendios que ten adoptado ou pensa adoptar nos núcleos rurais do termo municipal da Coruña, e nomeadamente en áreas lindeiras de Novo Mesoiro.
Batería de preguntas ao Goberno Local sobre a prevención de incendios en núcleos rurais, nomeadamente perto de Novo Mesoiro

“Facémonos eco da preocupación que sente a veciñanza após se ter producido un incendio na zona da canteira de Moucho”, moi próximo a Novo Mesoiro. A raíz dese lume, a Asociación Veciñal emitiu un comunicado con esixencias moi razoábeis que o grupo municipal do BNG comparte totalmente: a limpeza dos vertidos ilegais e retirada de escombros, o mantemento das zonas verdes, as sancións exemplares a quen utilice o monte como vertedoiro e a recuperación ambiental das zonas atinxidas polo lume, con reforestación participativa.

Soto salienta que o BNG ten rexistrado “numerosas iniciativas” a requirir do Goberno Local que se rozasen os montes nos núcleos rurais de Feáns e Mesoiro, Urbanización Breogán, A Silva e o Núcleo do Bosque. Todas estas áreas presentan riscos certos de incendios.

A pesar destas iniciativas, a frecuencia e intensidade das rozas continúa a ser insuficiente e, por tanto, “vemos como a maleza se acumula durante boa parte do ano na contorna destes barrios”, o que obviamente xera condicións favorábeis para os lumes.

Canto a Novo Mesoiro -barrio do que é veciño o propio David Soto- é doado achar nas súas proximidades “terreos sen segar, mais tamén obxectos de refugallo que se abandonan sen control na contorna, particularmente nas zonas lindeiras aos camiños que atravesan os núcleos de Feáns e Castro de Elviña”, refire o noso concelleiro.

Por todo isto, Soto inquire o Goberno Local “cal é a frecuencia de roza prevista para as zonas públicas adxacentes ao barrio de Novo Mesoiro” e cantos requirimentos de rozas ten realizado o Concello a particulares a día 27 de agosto de 2025 en Novo Mesoiro e a súa contorna (Feáns, Mesoiro, San Vicenzo de Elviña, Vío e Urbanización Breogán”?.

Interésase por saber igualmente se existe un plan específico para o control de verteduras non autorizadas na contorna de Novo Mesoiros e cantos expedientes se teñen aberto por parte do Concello por verteduras non autorizadas de chatarra e outros materiais nesa mesma zona.

De resto, Soto cuestiona o Goberno Local que plan ten para a recuperación das zonas queimadas e cal foi a intervención da Xunta na extinción do incendio producido a pasada semana na zona da canteira de Moucho.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Batería de preguntas ao Goberno Local sobre a prevención de incendios en núcleos rurais, nomeadamente perto de Novo Mesoiro