BARRIOS
Barrios sen atender malia as constantes advertencias: doutra volta Novo Mesoiro
Levamos novamente ao Pleno a situación de deterioro das beirarrúas do barrio de Novo Mesoiro
Xa preguntamos en setembro do ano pasado sobre a situación de varios tramos das beirarrúas da rúa Ribeira Sacra, a rúa Fragas do Eume e da avenida de Novo Mesoiro, e esiximos o seu amaño ao estar nun estado deplorábel desde finais do verán
Non entendemos por que o Executivo local, tendo coñecemento polas nosas iniciativas e polas numerosas queixas da veciñanza, non realiza estas actuacións de mantemento; como se pode ver polas fotos que achegamos na propia iniciativa existen tramos de beirarrúas totalmente levantadas, co lousado retirado, roto, deteriorado ou mesmo xa desaparecido. E son varios tramos ao longo de todo o barrio, que se se tivesen amañado cando fixemos a primeira notificación, a estas alturas, estarían en perfecto estado
Volvemos levar ao Pleno, doutra volta a través dunha batería de preguntas para a súa resposta por escrito (podes velas premendo aquí), a situación de varios tramos das beirarrúas do barrio de Novo Mesoiro.
Chove sobre mollado xa que xa advertiramos da situación do lousado deste barrio a través dunha iniciativa a principios de setembro do ano pasado cando preguntamos que medidas ía tomar o Goberno local para solucionar as deficiencias. A aquela altura, a contestación recibida limitouse a indicar que estaba a avaliar a situación para proceder a realizar unha actuación. Mais cremos que se debe seguir no proceso avaliador porque non se produciu ningunha actuación, o que deu lugar a un deterioro moito máis significativo das zonas afectadas, polo que agora os custes de reparación serán superiores, ao se ter que realizar unha obra maior a que inicialmente podería terse feito, cando fixemos a nosa primeira iniciativa.
Asemade, tamén pedimos explicacións de por que non se realizou ren ao entender que a obra é unha actuación simple de mantemento, que non debería requirir licitación ou contratación específica ao non ser considerada “obra maior”, e, ao mesmo tempo, solicitamos aclaracións sobre para cando se ten pensado amañar todas estas beirarrúas.
Non entendemos por que o Executivo local, tendo coñecemento polas nosas iniciativas e polas numerosas queixas da veciñanza, non realiza estas actuacións de mantemento; como se pode ver polas fotos que achegamos na propia iniciativa existen tramos de beirarrúas totalmente levantadas, co lousado retirado, roto, deteriorado ou mesmo xa desaparecido. E son varios tramos ao longo de todo o barrio, que se se tivesen amañado cando fixemos a primeira notificación, a estas alturas, estarían en perfecto estado.
A Coruña, 4 de xaneiro de 2018.