NA SESIÓN PLENARIA DE DECEMBRO
Avia Veira levará ao pleno a investigación das responsabilidades pola sentenza do edificio Fenosa
Veira impulsa esta iniciativa, unha pregunta oral que rexistrou este mércores, despois de se coñecer que o Goberno Local non ten intención de abrir un expediente para investigar o asunto.
“Vai cumprir o Goberno Local actual o acordo de mediación ao que chegou o Concello da Coruña para a execución da sentenza que obrigaría á demolición do Antigo Edificio Conde de Fenosa?”, reza o texto da pregunta.
“A literalidade da Lei do Réxime Xurídico do Sector Público é moi clara: o Goberno Local ten que abrir unha investigación porque aquí se teñen producido danos a particulares, danos que tiveron que ser indemnizados pola facenda local. Alén diso, no Acordo de Mediación en que se substanciou a execución da sentenza do edificio Conde de Fenosa figura taxativamente a aprobación dun Protocolo de Boas Prácticas Urbanísticas que vincula ao Concello e no que se contempla a apertura de pesquisas que depuren as responsabilidades políticas”, di Veira.
“Desde o BNG levamos anos a demandar que se investigue este asunto para determinar con clareza quen foi responsábel dun atentado contra o patrimonio arquitectónico da cidade, cunha evidente intencionalidade especulativa. O actual Goberno municipal ten que se ater á lei e non pode ser cómplice dos autores dun dos maiores escándalos urbanísticos das últimas décadas na nosa cidade”, considera a concelleira nacionalista.