Avia Veira empraza o alcalde a se reunir con tod@s @s afectad@s do Ofimático, tamén cos desaloxad@s
A Coruña, 11 de abril de 2013.- En resposta ás preguntas dos medios nunha rolda de prensa sobre mocidade, a concelleira nacionalista Avia Veira emprazou o alcalde a se reunir con todos os colectivos afectados polo Ofimático: grandes promotores, cooperativistas e desaloxados, tamén cos desaloxados, insistiu. A edila do BNG criticou que o alcalde asinara un decreto para que se actúe por vía xudicial e se desaloxe estas persoas, cando non teñen alternativa ningunha de vivenda estábel e cando o Goberno municipal non lles deu solución ningunha.
Avia Veira apuntou que o Concello da Coruña é o encargado de executar as obras de urbanización (sistemas, zonas verdes, infraestruturas, accesos, dotacións...) no Ofimático e, polo tanto, ten a obriga de adoptar todas as medidas legais para garantir que a Xunta de Galiza e os promotores paguen as cotas que lles atinxen. Lembrou que o Goberno municipal pode proceder pola vía do apremio. Sen o pagamento das cotas por parte da Xunta e dos promotores non hai financiamento para custear a urbanización xeral e cando finalicen as obras dos edificios, o Concello non poderá outorgar licenza de primeira ocupación, precisamente, porque as obras de urbanización non están finalizadas, salientou.
Por último, a concelleira do BNG aludiu á inacción do PP á hora de lle cobrar as cotas a Xunta e promotores. Segundo os datos da liquidación dos orzamentos de 2012 (achéganse táboa), o Concello da Coruña só ingresou 45.285 euros dos máis de 9 millóns de euros previstos en cotas de urbanización; é dicir, un 0,5%.