Avia Veira dirixe unha batería de preguntas ao Goberno Local sobre problemas do barrio de Labañou
As preguntas xiran arredor de cuestións que van desde a mobilidade até o estado dos equipamentos sanitarios, culturais e deportivos ou que mesmo teñen a ver coa inclusión do barrio na programación cultural e festiva do concello.
Entre outros asuntos, Avia Veira pregunta cando se vai executar a rehabilitación do Grupo de Vivendas de María Pita e se ten previsto o Goberno Local acometer, e en que prazos, a separación de pluviais e fecais no Grupo de Vivendas do Carme.
Inquire ao executivo coruñés se se está a vixiar acotío o aparcamento indebido “enriba das beirarrúas na contorna da rúa Educación e da Avenida Gran Canaria” e se na reordenación das liñas de autobuses se está a ter en conta que neste barrio —onde teñen a súa sede a UNED, a Escola de Idiomas e o Conservatorio— se produce unha “acumulación de servizos educativos comúns a toda a cidade e a área metropolitana”.
Canto á regulación do tránsito, pide a concelleira nacionalista que se atenda a demanda veciñal en relación ao semáforo que regula o xiro á dereita desde a Rolda de Outeiro á Avenida de Gran Canaria. As veciñas propoñen que o semáforo “non sexa de ámbar intermitente, senón verde ou vermello porque é un perigo para os coches que ao xirar non teñen visibilidade abondo dos peóns que o atravesan”, indica a edil.
Finalmente, Avia Veira insta o Goberno Local a que faga chegar á Consellaría de Sanidade as deficiencias en atención sanitaria no Centro de Saúde de Labañou.