COMISIÓN DO BORDO LITORAL
Avia Veira critica a indefinición do Goberno Local sobre a proposta da Xunta para os peiraos
“Analizamos a reunión tripartita do pasado 9 de abril en Compostela. E reiteramos o noso posicionamento: o Goberno do Estado ten que garantir que o enlace ferroviario ao porto exterior vaise facer si ou si, con independencia de que se consigan fondos europeos. É dicir, o Goberno do Estado ten que ter un plan B e o plan B significa provisionar recursos propios para en todo caso asegurar a realización desa obra”, di Avia Veira.
A Comisión tiña como segundo punto da orde do día a análise da proposta da Xunta para crear unha sociedade que xestione os peiraos de Batería e Calvo Sotelo unha vez que fiquen desafectados de usos portuarios. Nesa entidade a Administración autonómica tería unha participación de 51%, co cal disporía do seu control efectivo.
“Incribelmente, o Goberno Local aínda non ten manifestado o seu parecer ao respecto. Tampouco o fixo hoxe. Non emitiu ningunha opinión. Non entendemos esta indefinición”, dixo Veira, quen tamén criticou que a proposta de convenio non se lle fixese chegar aos grupos municipais representados nesta Comisión.