ENCONTRO DA CANDIDATURA CON PERSOAS EXPERTAS NA MATERIA E REPRESENTANTES VECIÑAIS

Avia Veira avanza que o BNG fará de EMVSA unha auténtica empresa municipal de vivenda

BNG Encontro de Vivenda 1
A Empresa Municipal de Vivenda Servizos e Actividades “é hoxe moito máis de servizos e actividades que de vivenda”, afirmou a número dous da candidatura do BNG, Avia Veira, durante o Encontro sobre Vivenda e Urbanismo que o Bloque realizou con persoas expertas na materia, representantes de asociacións  veciñais (A Agra, Palavea, Oza, A Gaiteira e OS Castros) e do colectivo Outra Forma de Vivenda.
Avia Veira avanza que o BNG fará de EMVSA unha auténtica empresa municipal de vivenda

O goberno local que se propón liderar o BNG a partir do 28 de maio será “moi esixente” coas administracións que ostentan as competencias principais en materia de vivenda, a Xunta e o Estado, remarcou Francisco Jorquera, candidato do Bloque á Alcaldía, na intervención que abriu o encontro. “Só achegarei un dato: nos dous últimos anos do bipartito (2007-2009), a Xunta executou máis vivenda pública do que nos últimos 14 anos de gobernos do PP. Neses dous anos, o departamento de vivenda da administración galega dependía do BNG”, engadiu.

Mais o Concello tamén ten ferramentas para intervir nun sentido positivo no mercado inmobiliario, acrecentou Veira. “A fundamental é EMVSA. Unha empresa pública de vivenda até agora infrautilizada precisamente no campo no que debería ter o seu principal ámbito de actuación”, lamentou.

“EMVSA pode funcionar como unha auténtica empresa municipal de vivenda e pódeo facer desde varios eixos”, dixo. E enumerou as tarefas que pode asumir: xestionar unha bolsa de vivendas en aluguer, funcionar como intermediario entre persoas que queren arrendar as súas casas e as que procuran unha residencia ofrecendo rendas a prezos taxado, ben como tamén pode promover a construción de vivendas públicas, porque así o recollen os seus estatutos.

BNG Encontro de Vivenda
Jorquera, durante a súa intervención

Igualmente, EMVSA pode exercer labores de asesoría para as persoas que procuran vivenda en aluguer, de maneira que “se preveñan os abusos que sofren non poucas coruñesas e coruñeses aos que se lles esixen requisitos que están fóra da lei á hora de acceder a un aluguer”. Con efecto, en moitas ocasións esíxeselles ás persoas que queren arrendar un piso máis meses de fianza dos que a lexislación contempla. “EMVSA ten que amparar esas persoas”, defende Veira.

Tamén debería EMVSA ser avalista de persoas que carecen de recursos para afrontar nun único pago desembolsos que si están contemplados pola lexislación, como seguros de impagamentos ou as fianzas legais. “Hai que garantir o acceso das persoas en situación precaria á vivenda. Esa é unha obriga da administración pública. E o Concello ten aí claramente un papel a xogar”, conclúe Veira.

 

 

 

Avia Veira avanza que o BNG fará de EMVSA unha auténtica empresa municipal de vivenda