SOBRE A PLANTA DE NOSTIÁN, A FUNDACIÓN LUÍS SEOANE E A HUMANIZACIÓN DA GAITEIRA, O MONTIÑO E OS CASTROS

Aval unánime do Pleno de febreiro ás tres mocións do BNG

Jorquera Pleno Febreiro 2021.
O Pleno de febreiro outorgou o apoio unánime ás tres mocións formuladas polo BNG, as tres defendidas polo portavoz nacionalista, Francisco Jorquera. Iniciativas sobre a situación da planta de Nostián, sobre o acondicionamento e saneamento da sede da Fundación Luís Seoane (cuxo deficiente estado pon en risco a integridade da obra e legado do artista) e sobre a humanización dos barrios da Gaiteira, O Montiño e Os Castros.
Aval unánime do Pleno de febreiro ás tres mocións do BNG

Moción sobre a planta de Nostián

A concesión actual, atribuída á empresa Albada, caducou o pasado 31 de decembro de 2019. O Goberno Local ten que licitar a nova convocatoria canto antes e teno que facer basicamente por dúas razóns: pola falta de mantemento das instalacións e pola continua perda de dereitos laborais do cadro de persoal, alertou Jorquera.

“A nova concesión de Nostián parece que quere emular o título da novela de Michael Ende ‘A historia interminábel’ ou, se procuramos referencias literarias máis perto, ‘O conto de nunca acabar’, de Ánxel Fole”, ironizou o portavoz nacionalista.

Lembrou Jorquera que o Goberno Local ten anunciado un investimento de 42 millóns de euros ao longo de 15 anos –realmente hai que facer unha planta nova, dada a obsolescencia da actual- mais após ser intervida a empresa –durante 8 meses foi xestionada directamente polo Concello- “continuamos sen ter noticias sobre a convocatoria dun novo concurso”.

“A nova concesión de Nostián parece que quere emular o título da novela de Michael Ende ‘A historia interminábel’ ou, se procuramos referencias literarias máis perto, ‘O conto de nunca acabar’, de Ánxel Fole”

A demora da nova convocatoria resulta nun agravamento da precariedade e perda de dereitos laborais en que infelizmente se acha instalado o cadro de persoal, abocados a condicións por debaixo do convenio, e iso nun contexto de grave deterioración das instalacións industriais, produto da falta de mantemento.

Nese sentido, Jorquera denunciou a parálise do biodixestor número 2, cunha fenda que provocou a aparición de filtracións de lixiviados, e puxo en destaque que a concesionaria “continúa a incumprir a súa obriga de selar o vertedoiro co risco de contaminación mariña”.

En definitiva, o Goberno Local debe convocar o novo concurso o máis axiña posíbel visando que o novo Nostián deveña “nunha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe”.

Sobre a sede da Fundación Luís Seoane

É un orgullo termos na Coruña boa parte da obra de Luís Seoane, mais ao tempo é unha vergoña como está neste momento a súa sede. A deterioración do continente da colección artística do xenial pintor non só dificulta o desenvolvemento das actividades da Fundación, senón que mesmo ameaza a conservación da súa obra, alerta Francisco Jorquera.

O cadro da situación é ben preocupante: humidades, pingueiras, fungos, temperaturas inadecuadas, ausencia de climatización. Condicións que poden danar, se non o fixeron xa, a colección artística de Seoane, e nomeadamente a obra en papel, advirtiu o voceiro nacionalista.

Por tanto, hai que actuar e hai que facelo xa. E nesa dirección Jorquera instou o Goberno Local a que inclúa nas previsións orzamentarias para 2021 a asignación dos recursos necesarios para corrixir urxentemente as eivas que aqueixan a sede da Fundación.

A deterioración da sede da Fundación pode danar, se non o fixo xa, a colección artística de Seoane, e nomeadamente a obra en papel, advirtiu o voceiro nacionalista.

Avoga tamén o portavoz nacionalista por que o Goberno Local demande da Xunta, como membro do Padroado da Fundación, que colabore economicamente no acondicionamento e saneamento do edificio que alberga a sede desta entidade e tamén destine fondos ao seu financiamento ordinario.

O Goberno Local non pode ollar para outro lado ante unha situación case límite da sede da Fundación Luís Seoane, e sobre todo se temos en conta que a presidenta desta entidade é a alcaldesa Inés Rey.

Por último, Jorquera defendeu que o Goberno Local, en colaboración co Padroado da Fundación Luís Seoane, traballe na dirección de definir un proxecto museístico para tornar esta instalación nun centro de referencia da arte contemporánea galega.

Sobre actuacións para a humanización da Gaiteira, O Montiño e Os Castros

Esta moción chegou ao Pleno após o noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera, visitar a pé de obra estes barrios da cidade, da man do presidente da súa asociación de veciñas e veciños, Paulo Sexto.

O BNG transaccionou o texto que finalmente se someteu a debate e votación cunha emenda formulada polo grupo municipal do PP.

Estes barrios presentan os déficits típicos dunha herdanza, a do modelo urbanístico depredador característico do pasado século e de boa parte deste: falta de espazos públicos, soares abandonados, esqueletos de edificios como focos de sucidade, rúas invadidas polos vehículos, bancos “en zonas verdes comestas polas silveiras”, “leiras parking”, graves problemas de accesibilidade...

A Gaiteira, O Montiño e Os Castros necesitan, recapitulou Jorquera, “dun plan integral de rehabilitación, mais mentres non se acometa son imprescindíbeis actuacións decididas que teñan por obxectivo humanizar o espazo urbano, concluíu Jorquera.

Aval unánime do Pleno de febreiro ás tres mocións do BNG