O BNG lamenta que despois de 8 meses e de 20.000€ aínda non haxa ordenanza de transparencia

O BNG lamenta que despois de 8 meses e de 20.000€ aínda non haxa ordenanza de transparencia

A Coruña, 3 de agosto de 2014.- O Grupo Municipal do BNG salienta que a día de hoxe o Goberno Local aínda non levou a Xunta de Goberno Local o proxecto de ordenanza de transparencia e do bo goberno que encomendou a súa elaboración a unha empresa privada e pola que pagou en decembro de 2013 19.914 euros.

Recentemente as nacionalistas preguntáronlle ao Goberno Municipal pola situación deste proxecto e o Goberno do Sr. Negreira respostou (achéganse respostas dixitalizadas) que está en fase de revisión pois está “no proceso de mellora de estrutura e contido do documento así como na definición dos procesos organizativos internos necesarios para a posta en marcha desta ordenanza”. O Goberno Local, manifestan as nacionalistas, non pode xustificar a demora da aprobación da ordenanza nunha hipotética revisión do contido da mesma ao abeiro da Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información e bo goberno, que leva publicada hai cáseque oito meses, en concreto o 10 de decembro de 2013. E é que o Goberno Local sinala, noutra resposta, que levará a ordenanza para a súa aprobación aínda para finais de ano.

O BNG lembra que esta ordenanza de transparencia e bo goberno, que debe estar adaptada ás exixencias da Lei 19/2013, supostamente ten que deixar moi claras as obrigas do bo goberno e da ética pública que deben cumprir os responsábeis públicos, así como as consecuencias derivadas do seu incumprimento e debe contribuír, entre outras cousas, a fomentar o valor da transparencia na administración, mellorar a participación e a confianza da cidadanía na administración local e xeralizar boas prácticas no servizo público.

O BNG lamenta que despois de 8 meses e de 20.000€ aínda non haxa ordenanza de transparencia