TENAS QUE SUBCONTRATAR A TRAVÉS DOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO?

Até que punto a concesionaria das zonas verdes cumpre coa obriga de contar con traballadoras con discapacidade?

Parque de Eirís
Parque de Eirís
Hai indicios serios de que a concesionaria do mantemento das zonas verdes do Concello non está a cumprir co compromiso que contraeu ao se facer coa adxudicación do servizo de subcontratar unha determinada porcentaxe do contrato (en concreto, 15%) cos Centros Especiais de Emprego (as empresas de economía social criadas para procuraren traballo a persoas con algún grao de discapacidade).
Até que punto a concesionaria das zonas verdes cumpre coa obriga de contar con traballadoras con discapacidade?

É por isto que o portavoz do BNG Francisco Jorquera dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno Local en relación a este asunto. Na iniciativa, o voceiro nacionalista en María Pita lembra que “o incumprimento do ofertado en relación á subcontratación con Centros Especiais de Emprego” por parte da concesionaria, Althenia S.L., é considerada unha falta moi grave que pode resultar en sancións económicas entre os 30.001 e os 100.000 euros por lote do contrato ou mesmo pode levar aparellada a resolución da concesión.

“Por que importe tivo Althenia S.L. subcontratados traballos de xardinaría con Centros Especiais de Emprego nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020”, inquírelle Jorquera ao Goberno Local, ao tempo que demanda información sobre as eventuais sancións impostas á prestataria do servizo en caso de se verificar o incumprimento do contrato.

Neste mesmo sentido, o portavoz nacionalista demanda información sobre o número de traballadores dos Centros Especiais de Emprego que foron subcontratados pola concesionaria e en “que ámbito territorial desenvolven as súas tarefas”.

O incumprimento do ofertado en relación á subcontratación con Centros Especiais de Emprego por parte da concesionaria, Althenia S.L., é considerada unha falta moi grave

O BNG xa preguntara ao comezos de 2020 sobre o funcionamento deste servizo, sendo que “son numerosas as queixas motivadas polo déficit de mantemento das zonas verdes da cidade”. O Goberno Local respondéralle daquela que era consciente das deficiencias e comunicáralle ao BNG que se incoaran até “6 expedientes de penalidades”, con sancións que alcanzaban os 19 mil euros. A respecto dos contratos cos Centros Especiais de Emprego, o Executivo coruñés indicaba que lle requirira á concesionaria “a presentación da documentación, sen obter a acreditación correspondente”.

A este respecto, Jorquera pregúntalle agora ao Goberno Local se encetou xa o proceso de redacción dos pregos para contratar un novo servizo e pídelle tamén que nos criterios de adxudicación da nova concesión prime a calidade do servizo sobre a eventual marxe de beneficio industrial da futura empresa adxudicataria.

 

Até que punto a concesionaria das zonas verdes cumpre coa obriga de contar con traballadoras con discapacidade?