SANIDADE
Aprobada en Pleno a nosa moción que solicita instar a Xunta de Galiza de medios ao centro de saúde de Novo Mesoiro
Entre outros acordos aprobouse o instar o Goberno da Xunta de Galiza, a súa Consellaría de Sanidade, a dotar o Centro de Saúde de Novo Mesoiro co cadro de persoal preciso para dar cobertura sanitaria necesaria a todas as persoas da súa área de influencia, neste caso, e canto menos, coa dotación dunha praza máis do servizo pediatría, a dotación dunha praza de matronaxe, a dotación dunha praza máis de médico de familia, a dotación dunha praza máis para o servizo de enfermaría e a dotación dunha praza máis para os seus servizos administrativos
O Centro de Saúde do barrio de Novo Mesoiro ten como zona de influencia os barrios de Birloque, Someso, Monte Patelo, As Rañas, Vío, Novo Mesoiro, Feáns, Mesoiro, Polígono de Pocomaco, Urbanización de Breogán, e outros núcleos máis dispersos, todo eles no distrito censual 9 do noso municipio, e atende a unha poboación, segundo o censo de poboación de data 1 de xaneiro de 2016, de 11.610 persoas, das que 2.794, o 24,07 %, son nenos e nenas menores de 14 anos.
Desde hai anos, vimos recollendo as demandas da veciñanza desta zona da nosa cidade que denuncia a falta de dotación dos servizos sanitarios necesarios, estando esta instalación infrautilizada, polo que se ve obrigada a solicitar atención noutros centros de saúde da cidade, realizando consultas, atención xeral e urxencias noutros centros, sendo os máis próximos os situados nos barrios de Elviña e Matogrande. Mesmo denuncian que a pesares de ser zonas onde existen barrios nos que nos últimos anos se teñen dado proceso demográficos drásticos ao aumentar a poboación por tratarse de novas zonas urbanas, e que ten un dos maiores índices de nacementos de toda Galiza, con máis nenas e nenos en idade escolar da Coruña, teñen unha carencia importante de servizos, sen servizo de transporte publico directo ao CHUAC e ao Teresa Herrera, ou aos centros de especialidades médicas ou a outros centros de saúde.
Toda esta situación, ademais, veuse agravada desde o pasado mes de decembro de 2015, data na que se pechou o cupo de pediatría polo que non se aceptan máis altas novas que nazan en todos estes núcleos e barrios, polo que se teñen que solicitar os servizos de pediatra noutros centros de saúde, salvo que se teñan un/unha irmán/irmá xa dados de alta no propio de Novo Mesoiro.
Nós cremos preciso dotar a todos estes barrios dunha cobertura sanitaria acorde ás súas necesidades, e dado que as instalacións do centro de saúde son novas, xa que logo foron inauguradas en 2008, e conta con toda unha planta baleira.
É por iso que a demanda da veciñanza de todas estas zonas pasa, ademais de por solicitar un aumento dos servizos sanitarios, por tamén demandar dotar de mais persoal para cubrir de xeito real ás necesidades de todos estes núcleos de poboación, polo que ademais de pedir que se abra de novo a cota de atención pediátrica, tamén veñen solicitando prazas de pediatría, matronaxe, de médico de familia, de enfermaría e de servizos administrativos e, tamén a apertura do centro en horario de tarde, xa que logo, na actualidade só abre en horario de mañá.
Por todo isto, presentamos esta moción na que se aprobaron estes acordos:
- Amosar o apoio público do Concello da Coruña ás demandas da veciñanza de todos estes barrios e núcleos veciñais, asumindo as súas reivindicacións.
- Instar o Goberno da Xunta de Galiza, a súa Consellaría de Sanidade, a que abra de novo o cupo de pediatría, pechado desde decembro de 2015, do Centro de Saúde de Novo Mesoiro.
- Instar o Goberno da Xunta de Galiza, a súa Consellaría de Sanidade, a apertura do Centro de Saúde de Novo Mesoiro en horario de tarde.
- Instar o Goberno da Xunta de Galiza, a súa Consellaría de Sanidade, a dotar ao Centro de Saúde de Novo Mesoiro co cadro de persoal preciso para dar cobertura sanitaria necesaria a todas as persoas da súa área de influencia, neste caso, e canto menos, coa dotación dunha praza máis do servizo pediatría, a dotación dunha praza de matronaxe, a dotación dunha praza máis de médico de familia, a dotación dunha praza máis para o servizo de enfermaría e a dotación dunha praza máis para os seus servizos administrativos.
- Trasladar á Xunta de Galiza e ao seu presidente os presentes acordos.
Todos os grupos apoiaron esta iniciativa aquí, no Concello da Coruña. Outro conto será o que logo o Partido Popular faga no Parlamento de Galiza, xa que logo xa o levamos dúas veces e en ambas ocasión as e os populares negaron a posibilidade de ampliar os servizos.
Agora, coa adopción por unanimidade destes acordos en Pleno queremos ver que argumentos se esgrimen para non dotar dos servizos sanitarios necesarios ao barrio de Novo Mesoiro.
Noticias relacionadas:
- Levamos ao Parlamento as deficiencias de servizos en sanidade e educación en Novo Mesoiro e Feáns
- Por que non se quere dotar o Centro de Saúde de Novo Mesoiro con máis persoal?
- O BNG leva ao Parlamento de Galiza as demandas da veciñanza de Novo Mesoiro polo centro de saúde
- Carril: "Hai 10.000 razóns para estar en Novo Mesoiro e para dotar o barrio de equipamentos"
- O BNG pide o restabelecemento do servizo de Pediatría de Novo Mesoiro
- Bravo reclama melloras en ensino e sanidade para o barrio de Novo Mesoiro