ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2017
Abstivémonos na votación sobre as resolucións as reclamacións dos orzamentos municipais 2017
“Máis outra vez… aló van 5 meses”, sinalou Avia Veira na súa intervención, onde advertiu que tanto os investimentos previstos para este ano, como os convenios con entidades e as políticas previstas a desenvolver estiveron paralizados até onte e denunciou que o deseño desta estratexia só pode autosatisfacer ao Goberno municipal sen contribuír a solucionar os problemas da xente e con importantes repercusións na cidade
Diante da incerteza de non saber nin como nin cando se vai incorporar as achegas pactadas co Executivo Local na emenda incluída para a aprobación inicial do orzamentos, entendemos que non podemos apoiar as resolucións levadas a Pleno nin o ditame da Comisión de Facenda
Xa anunciamos que volveremos realizar o mesmo traballo exhaustivo e rigoroso destes últimos anos e recolleremos as necesidades que ten cada barrio da cidade e os investimentos necesarios por áreas, comezando a traballar xa, e elaborando as propostas e achegas necesarias, e recomendamos o Goberno municipal que comece a facer isto mesmo que é quen ten que facer a proposta e chegar aos entendementos necesarios coas demais forzas para sacar a tempo os orzamentos municipais de 2018
Vimos de nos abster na votación sobre as reclamación aos orzamentos municipais de 2017, e que deu lugar a aprobación definitiva destes, coa súa entrada en vigor por fin.
Na súa intervención no Pleno, a nosa concelleira fixo unha detallada descrición na que repasou o percorrido dos orzamentos 2017 ate o Pleno de hoxe na que lembrou que o texto inicial do orzamento foi presentado aos grupos municipais a finais de novembro, rexeitado o 28 de decembro de 2016 polo Pleno coa incorporación dunha única emenda por nós, a presentación dunha cuestión de confianza vinculada a estes nun Pleno extraordinario o 4 de febreiro, a aprobación inicial ao non presentarse unha moción de censura e cunha aprobación definitiva cunha Comisión de Facenda suspendida polo medio para finalmente elevarse ditame desde a Comisión de Facenda hai dúas semanas.
Neste sentido, Avia sinalou que non concordamos con este ditame xa que logo amosamos a nosa desconformidade pola rebaixa na previsión de ingresos que se fai, asemade de tamén amosar a nosa discrepancia coas baixas que propón o Goberno municipal xa que entre as propostas de minoracións que se realizan están, entre outras, cuestións tan sensíbeis como a renda social, cursos para desempregadas e desempregados, rehabilitacións de locais comerciais, carril bici etc.
Do mesmo xeito, lembramos no Pleno que previo á sesión de aprobación inicial do orzamento, en decembro do pasado ano, chegamos a un acordo de inclusión dunha serie de partidas a través da negociación dunha emenda que toda vez transaccionada, foi votada no propio pleno de aprobación dos orzamentos, mais finalmente foi rexeitada ao votarse conxuntamente cos orzamentos.
No entanto, na sesión extraordinaria do pleno, de 4 de febreiro de 2017, na que se debateu a cuestión de confianza, o alcalde e voceiro do Goberno local e do Grupo Municipal da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, sinalou que manterían a súa palabra, e intentaría encaixar no orzamento, se sae aprobado, as propostas do BNG (...), mais a única conversa mantida co alcalde neste tempo, e logo dunha solicitude realizada por rexistro con data do 21 de abril, foi que efectivamente se faría ese modificativo mais nin se especificar nin cando nin como nin con que cartos. Non entendemos por que non se nos dá un prazo, e preguntámonos que motivos se poden agochar para non facelo.
Asemade, outra das cuestións que sinalamos durante o Pleno de hoxe foi a incerteza de que se finalmente se ingresasen as cantidades recollidas inicialmente (EMALCSA e outros impostos) estes acaben servindo, tal e como estabelece a lei, para pagar a débeda e non bens e servizos para mellorar a calidade de vida das coruñesas e dos coruñeses. É por isto que xulgamos como un erro quitar do orzamento eses cartos.
Por último, insistimos en reclamar altura de miras ao Goberno municipal e lembramos que o ano pasado, xusto despois de se celebrar o pleno da aprobación definitiva dos orzamentos 2016, sinalabamos que aqueles debían ser os últimos que se realizan daquel xeito, tanto por quen os elaborara e facía a proposta, o Executivo local, así como pola falta de responsabilidade e compromiso amosada polo PP e PSOE, mais preocupados de si mesmos e de mirarse o embigo, e que supuxera case sete meses de tempo perdido, e esixíamos ao Goberno da Marea que comezara a elaborar un plano de traballo para os orzamentos de 2017.
Tal no se fixo e, doutra volta, perdéronse outros 7 meses, mais no que respecta a nós, volveremos a realizar o mesmo traballo exhaustivo e rigoroso destes últimos anos e volveremos a recoller as necesidades que ten cada barrio da cidade e os investimentos necesarios por áreas, comezando a traballar xa, e elaborando as propostas e achegas necesarias. Isto mesmo recomendamos que comece a facer o goberno municipal, que é quen ten que facer a proposta e chegar aos entendementos necesarios coas demais forzas para sacar a tempo os orzamentos municipais de 2018.
A falta de entendemento, así dixemos no Pleno da Cuestión de Confianza, vai camiño de se converter en apoio ao partido popular. A falta de entendemento entre forzas progresistas fixo que houbera novas eleccións e puxo a Rajoy no presente lexislatura onde está. A única maneira de conseguir que o desencanto, debido á falta de toma de decisións ou debido á falta de entendemento, non se converta en apoio ao Partido Popular é ser valentes e atrevidos coas súas políticas mais tamén ser previsores e non deixar tempo ao desgaste e ao desencontro. Poñámonos pois en agosto a falar do orzamento de 2018, sentémonos xuntas as forzas que impulsamos o cambio na nosa cidade. É o que a xente espera da política”, concluíu Avia Veira.
A Coruña, 8 de maio de 2017
Artigos relacionados:
- Xa hai un posíbel acordo para os orzamentos 2017?
- Incríbel: imos camiño de repetir a trapallada dos orzamentos de 2016!
- Un "si" aos orzamentos só no caso de que teñamos garantido a introdución das nosas achegas
- Que está facendo o Goberno municipal cos orzamentos de 2017?
- Para cando imos ter os orzamentos de 2017?
- Repetiuse a trapallada do Pleno de abril e comezaremos o 2017 sen orzamentos
- Dous millóns para emprego, inclusión, cultura, educación, barrios... e non en externalizacións ou publicidade