OS VOTOS DO PSOE SIRVEN PARA BLINDAR OS MAMOTRETOS NA BEIRAMAR
Apoio ás mocións sobre a Casa Cornide e as axudas á hostelaría, rexeitada a das Percebeiras
A moción contra o proxecto das Percebeiras (a iniciativa pedía a súa retirada e a recualificación dos terreos como zonas verdes ou espazos dotacionais) foi a primeira en se debater no Pleno e a súa defensa correu a cargo de Avia Veira, responsábel de Urbanismo do grupo municipal do BNG.
“O Plan Especial de Labañou (coñecido como Proxecto das Percebeiras) non é un plan de acordo cos tempos nin que mire cara ao futuro”, dixo a concelleira nacionalista, quen a seguir engadiu que “responde a un urbanismo carca doutra época”, segundo o cal non debía ficar un metro cadrado da cidade sen construír, nas antípodas do proxecto da Coruña que ten o BNG.
A pandemia, enfatizou Avia Veira, deixounos entre outras a ensinanza dos perigos que entraña densificar as cidades. “Alén diso, facelo na beiramar supón un atentado contra a paisaxe e o incumprimento de normas de rango superior ao PXOM”, denunciou, ao tempo que alertou de que o proxecto tapa tamén as vistas da Torre de Hércules.
Plantar mamotretos na beiramar, nunha das últimas zonas verdes naturais que fican no bordo litoral. Niso consiste o proxecto das Percebeiras, sinalou Veira. Aumentar en máis de mil persoas o censo de habitantes de Labañou, co seu correspondente parque de vehículos privados, resulta, alén do máis, contrario a calquera estratexia contra o cambio climático, sen que, polo demais, concorra neste caso o suposto da alta demanda de vivendas. Recordou a este respecto a concelleira nacionalista que A Coruña ten hoxe menos poboación que en 2013, ano en que se aprobou a última revisión do PXOM, e que desde aquela altura só se contruíu o 5% das moradas previstas no plano.
“Se do que se trata é de colmatar a cidade, o bordo litoral non é o único solo dispoñíbel: temos Xuxán por acabar de desenvolver e A Coruña está inzada de esqueletos de edificios sen rematar”, alegou Avia Veira.
En definitiva, concluíu, o BNG apoia “as veciñas e veciñas de Labañou e por iso presentou este texto ao Pleno da Corporación”, en que se demanda a retirada do coñecido como Proxecto das Percebeiras e en que se pide modificación puntual do PXOM para a recualificación dos terreos como zonas verdes e dotacionais.
A moción foi rexeitada ao obter os votos favorábeis de BNG e Marea Atlántica fronte á oposición de PSOE e Grupo Mixto, en tanto que o PP optou pola abstención.
CASA CORNIDE
Francisco Jorquera foi quen tomou a palabra para defender a moción sobre a Casa Cornide, asinada conxuntamente coa Marea Atlántica. O BNG facía súa nesta ocasión unha iniciativa promovida por Defensa do Común e diversos axentes veciñais, sociais, políticos e sindicais.
Con esta iniciativa, o BNG e demais colectivos impulsores pretenden activar as accións xudiciais para lograr a restitución ao Concello da titularidade da Casa Cornide, declarar a presenza da familia Franco na nosa cidade como non grata e expresar a solidariedade da Corporación co colectivo ‘9 de Cornide’, as e os activistas que serán xulgados o próximo 14 de outubro após seren denunciados polos parentes do ditador polo simples feito de teren despregado unha faixa sobre a fachada do inmóbel coa lenda “Que nos devolvan o roubado. Franquismo Nunca Máis”.
A Casa Cornide, evocou Jorquera, acabou en mans dos Francos “froito dunha operación fraudulenta que non tiña outro obxectivo que satisfacer os antollos da esposa do ditador”. Pois ben, agora que o Pazo de Meirás está máis perto que nunca de ser restituído ao patrimonio público tórnase especialmente urxente activar as xestións para a Casa Cornide transitar polo mesmo vieiro, tendo en conta, alertou Jorquera, que “en pleno xuízo polo Pazo de Meirás, os Franco apresáronse a pór en venda esta xoia do barroco coruñés, tentando blindar o saqueo”.
“Urxe, pois, impulsar a Declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural e tan axiña como conclúan os informes en trámite, iniciar as accións legais para este inmóbel ser devolvido ao pobo da Coruña”, remarcou o voceiro nacionalista.
E é preciso tamén que o Pleno se solidarice con aquelas persoas, as e os activistas do colectivo ‘9 de Cornide’, que protagonizaron un acto cívico e simbólico para demandar que a Casa volva a ser do pobo coruñés. Vanos xulgar o 14 de outubro e vanos xulgar após seren denunciados polos Franco. “O mundo ao revés”, dixo Jorquera. Os espoliadores a demandar a quen ousaron denunciar o espolio. “É necesario que o Pleno se solidarice con estes activistas da memoria histórica”, concluíu Jorquera.
O texto que finalmente se submeteu a votación foi o produto da aceptación por parte do BNG dunha emenda do PSdeG que non alteraba a esencia da parte resolutiva da iniciativa. A moción foi aprobada cos votos afirmativos de PSOE e Marea Atlántica, mentres que o PP preferiu absterse.
MOCIÓN SOBRE A HOSTELARÍA
A terceira e última das mocións nacionalistas pivotou arredor das dificuldades polas que atravesa a hostelaría, un dos sectores máis duramente castigados pola pandemia. “Os titulares de moitos locais están nunha situación desesperada”, subliñou Jorquea, quen aproveitou a súa intervención para expresar a solidariedade do BNG con Lolo Villaverde, “propietario do pub Área Crítica, que se declarou en folga de fame para reivindicar o dereito ao traballo”.
O voceiro nacionalista pormenorizou algunhas das demandas das e dos hosteleiros: que se axilicen os trámites de concesión das licenzas administrativas, que se estableza un plano específico de desescalada para os locais de ocio nocturno ou que se avance na transparencia e axilidade na concesión das axudas do PRESCO.
Se a situación é grave en xeral, éo máis se cabe no caso dos cafés bares especiais (pubs) e salas de concertos. Os primeiros teñen suspendida a súa actividade, excepción feita das terrazas, desde o 1 de xuño, por teren o rótulo de establecementos de ocio nocturno.
“O sentido común parece ditar que os pubs deberían poder abrir como cafetarías convencionais, entre as 10 da mañá e a hora límite de peche, loxicamente sempre que se cumpran estritamente as limitacións de capacidade e as medidas sanitarias”, remarcou Jorquera.
Cumprindo tamén estes requisitos, o lóxico sería que as salas de concertos deberían voltar a programar actuacións, tendo en conta que xogan un rol fundamental na dinamización da cultura na cidade e tamén como espazos de socialización, defendeu o voceiro nacionalista.
En todo caso, Jorquera celebrou que o Goberno Local se comprometese nas últimas horas, e despois de o BNG rexistrar no Concello esta iniciativa, a “poñer en práctica algunhas das medidas que se propoñen nesta moción”.
Anunciou, por último, a aceptación dunha emenda formulada polo PP “porque aínda que introduce pequenos matices ao noso texto non altera no substancial aquilo que demandamos”.
Esta moción foi aprobada por unanimidade.