JORQUERA, NO MITIN DA GAITEIRA

"Ao pór en venda a Casa Cornide durante o xuízo de Meirás, os Franco compórtanse como o que son, unha familia de usurpadores"

A Gaiteira 3
Non é casual que a familia Franco poña en venda a Casa Cornide, un edificio de enorme valor histórico e arquitectónico cuxo titular lexítimo é o pobo da Coruña, nin que o faga en pleno xuízo sobre a devolución do Pazo do Meirás. Antes ao contrario: estamos perante unha "provocación" dos herdeiros do ditador que se "comportan como o que son, uns usurpadores de bens espoliados por un tirano", dixo esta tarde no mitin do BNG na Gaiteira o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera.
"Ao pór en venda a Casa Cornide durante o xuízo de Meirás, os Franco compórtanse como o que son, unha familia de usurpadores"

Por iniciativa do BNG, lembrou Jorquera, en setembro de 2019 o Pleno do Concello aprobou unha moción en que se instaba o Goberno Local a que promovese as accións legais precisas para a restitución da Casa Cornide ao patrimonio público de todas as coruñesas e coruñeses. "O ditador fíxose coa propiedade deste inmóbel de maneira fraudulenta enmascarando como unha suposta poxa un auténtico espolio en beneficio dunha Carmen Polo que desexaba unha casa en plena Cidade Vella", relatou o voceiro nacionalista.

"Agora hai que actuar con rapidez e dilixencia para evitar que se consuma unha nova operación fraudulenta", alertou Jorquera, quen avanzou que "o BNG, á fronte do goberno galego, acelerará a tramitación para a declaración do inmóbel como BIC" e colaborará co Concello da Coruña "para que a restitución da Casa Cornide ao pobo coruñés se faga canto antes, mellor".

A Gaiteira 2Jorquera partillou o uso da palabra con Mercedes Queixas, número 3 da candidatura nacionalista ao Parlamento galego pola Coruña. "Estamos na recta final da campaña e cada día fica máis claro que a elección básica que faremos o domingo é entre a rotina continuista dun Feijóo que non ten nada novo que ofrecer e o cambio galego que Ana Pontón vai liderar como primeira presidenta nacionalista e feminista da historia", dixo Queixas.

"Imos gobernar coas mans libres. Iso é o que necesita este país. Un goberno que non teña que pedir permiso a Madrid para nada. Un goberno que poña sempre os intereses de Galiza por diante", engadiu a candidata nacionalista.

"Feijóo di agora en campaña Galicia, Galicia, Galicia, pero durante os anos do goberno Rajoy o seu lema en realidade era Mariano, Mariano, Mariano", ironizou Queixas. "Levamos 11 anos aturando un goberno incompetente e dependente de Madrid. É moita hora de apostarmos por un goberno que realmente acredite nas potencialidades do país", subliñou.

"Ao pór en venda a Casa Cornide durante o xuízo de Meirás, os Franco compórtanse como o que son, unha familia de usurpadores"