MEMORIA HISTÓRICA
E ao final cando se vai a quitar a vidreira franquista do Concello?
Trasladaremos ao próximo Pleno unha pregunta relativa á vidreira con simboloxía franquista que aínda permanece no Concello da Coruña
O alcalde anunciou a finais do ano pasado a substitución desta vidreira para este ano mais aínda non se ten coñecemento dos prazos manexados para facer efectivo este anuncio
Trasladamos, mediante unha pregunta escrita (que podes descargar aquí), unha iniciativa pola que nos preocupamos polos prazos manexados polo Goberno municipal para a substitución da vidreira, ou a parte da mesma, con simboloxía franquista, que aínda hoxe permanece no edificio do Concello da Coruña.
Lembramos, deste xeito, as declaracións realizadas polo alcalde Xulio Ferreiro a finais do ano pasado nas que anunciaba que durante este ano se procedería á substitución deste elemento en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.
Mais xa estamos a metade de ano e aínda non sabemos que previsión manexa o Executivo para realizar esta substitución. Precisamente, neste mes de xullo, cando se cumpren 81 anos do Golpe de Estado e comezo da Guerra Civil, a substitución e eliminación de esta vidreira sería un acto simbólico e amosaría de xeito inequívoco o compromiso e a vontade de restitución dos valores democráticos e de compromiso co Memoria Histórica.
Deste xeito, instamos á retirada, á maior brevidade posíbel, da vidreira.
A Coruña, 26 de xuño de 2017