Un ano despois a reforma do Regulamento de Participación segue paralizada

Cartel empregado pola CIG hai 12 anos na campaña de rexeitamento do Regulamento de Participación de Paco Vázquez
Un ano despois a reforma do Regulamento de Participación segue paralizada

Vimos de denunciar esta mañá a parálise deliberada no proceso de reforma do Regulamento de Participación e o incumprimento do compromiso do Goberno municipal de convocar para a semana pasada a Comisión Especial de Reforma e preguntámonos que fai falla para iniciar a súa reforma.

Denunciamos a parálise deliberada no proceso de reforma do Regulamento de Participación e o incumprimento do compromiso do Goberno municipal de convocar para a semana pasada a Comisión Especial de Reforma

Entendemos, xusto agora cando se vai cumprir o ano do acordo de organización polo cal se facilitou o cambio de políticas na cidade e se votou a favor da investidura como alcalde a Xulio Ferreiro, que se está incumprindo un dos principais puntos da negociación que era precisamente abordar a reforma integral do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá.

Preguntámonos que fai falla para iniciar a reforma do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá

Para nós, naquel momento e agora, e así o levábamos no noso programa #TodasAsCoruñas co que nos presentamos ás eleccións municipais, é fundamental dotar dos mecanismos necesarios para a participación real e efectiva da veciñanza na toma de decisións e facela coparticipe da administración municipal. Despois dun ano se está a incumprir este punto concreto do acordo e entendemos que se está deliberadamente ralentizando, cando non paralizando o proceso.

O Executivo local está amosando que non ten ningún interese en reformar o Regulamento de Participación, que se atopa moi cómodo gastando os cartos nos encontros “Dillo Ti” e “A Porta Aberta” e que o dotar a cidade dos instrumentos necesarios para a participación real e efectiva da veciñanza non está na súa folla de ruta

Un dos últimos actos do Dillo ti que está realizando polos barrios o Goberno municipal

Sinalamos que a Comisión foi constituída, non sen que antes fixeramos reiteradas solicitudes ao Goberno municipal e continuadas denuncias públicas para a súa conformación, en febreiro deste ano. E que posteriormente houbo unha segunda reunión, de trámite, o mes pasado, o 16 de xuño.

Precisamente desta reunión saíu o compromiso de reunírmonos de novo a principios deste mes, na primeira semana, co obxecto de comezar a dármonos tarefas e iniciar o proceso de reforma do regulamento. E non se fixo. Quizais, despois do Pleno do día 4 o Goberno municipal entendeu que comezaron as súas vacacións e esqueceron as obrigas e os acordos adquiridos con anterioridade, ou, o que sería aínda peor, se atopa moi cómodo gastando os cartos nos encontros “Dillo Ti” e “A Porta Aberta” e que o dotar a cidade dos instrumentos necesarios para a participación real e efectiva da veciñanza non está na súa folla de ruta.

Advirtimos que o proceso de reforma do Regulamento de Participación non será inmediato, polo que seguir demorando no tempo o traballo da comisión significa, na práctica, seguir indefinidamente co Regulamento de Participación feito a medida por Paco Vázquez

Cartel empregado pola CIG hai 12 anos na campaña de rexeitamento do Regulamento de Participación de Paco Vázquez

Por último, instamos ao propio Goberno a convocar a comisión canto antes. Se se pretende reformar o Regulamento de Participación, se se pretende que a veciñanza participe na toma de decisións, se se pretende crear os mecanismos axeitados para a participación e os órganos necesarios para constituír unha democracia participativa e efectiva na nosa cidade, o proceso non vai a ser inmediato, requirirá tempo, e necesitará da participación de moitos actores, de entidades e asociacións, e necesitará moitos puntos de confluencia e consenso, e para isto non podemos seguir aprazando a convocatoria nin demorando no tempo o traballo que a Comisión ten que desenvolver. É por iso que instamos a que se convoque á maior brevidade e comecemos a traballar. A cidade non pode seguir indefinidamente co Regulamento de Participación feito a medida por Paco Vázquez.

 

A Coruña, 14 de xullo de 2016

Un ano despois a reforma do Regulamento de Participación segue paralizada