O noso apoio ás traballadoras e aos traballadores dos centros de chamadas
Vimos de manifestar, nunha rolda de prensa realizada esta mañá, a nosa solidariedade e apoio ás traballadoras e aos traballadores dos centros de chamadas da cidade da Coruña, e de reivindicar unhas condicións máis xustas para o sector, após da folga xeral de 24 horas que onte luns tivo lugar nos centros de traballo.
Amosamos o noso apoio ás traballadoras e traballadores dos centros de chamadas e reivindicamos unhas condicións laborais e salariais máis xustas
Na comparecencia, que se realizou xunto con representantes das traballadoras e traballadores do sector, a nosa concelleira Avia Veira e o noso Responsábel Local, David Pena, sinalaron que na actualidade o sector atópase sen convenio xa que este rematou a súa aplicación o 31 de decembro de 2014, o que está dando lugar a que tanto o salario como as condicións laborais estean conxeladas desde entón, e as empresas estean aproveitando para impoñer condicións laborais leoninas que chegan mesmo a violar dereitos fundamentais.
A reforma laboral deulle ás á patronal para esixir recortes draconianos e bloquear a negociación, pedindo máis flexibilidade, como por exemplo que se poidan cambiar os horarios de traballo a libre criterio da empresa, a redución das horas dispoñibles (remuneradas) para ir ao médico, o aumento do número de días seguidos que se poden traballar até os 9 ou a rebaixa dos (poucos) pluses e complementos que serven para mellorar lixeiramente os salarios.
Xunto con representantes das traballadoras e traballadores do telemárketing da cidade ofrecimos esta mañá unha rolda de prensa na que sinalamos que na actualidade existen preto de 4.000 persoas traballando directamente neste sector, que se caracteriza pola precarización, a temporalidade e inestabilidade
Pola súa banda, as e os representantes do sector sinalaron na propia rolda de prensa que o salario dunha persoa teleoperadora con máis de 1 ano de experiencia é de 13.800 euros ao ano por un contrato de xornada completa, recibindo uns 985 euros ao mes. No entanto, a maior parte das contratacións están facéndose por xornadas parciais e as que son por completa xa se pagan por menos de 950 euros ao mes. Asemade, máis do 50 % do persoal destas empresas traballa xornadas medias de 30 a 36 horas semanais, e incluso de 10 horas semanais.
"Nos últimos anos, e motivado pola redución de custes que os contratistas aplican unilateralmente coa escusa da crise, co incremento da competitividade entre as empresas polos grandes contratos, co incremento do paro e a posibilidade de repercutir a baixada de prezos nos salarios, vense producindo un aumento da presión, estrés, sancións, vexacións ao persoal en case todas as empresas, así como reducións nas condicións laborais con reducións de xornadas, peores horarios que fan incompatíbel a conciliación familiar, máis quendas de fins de semanas etc. Vivimos un paradoxo, mentres o sector crece e ten máis beneficios ca nunca pois cada vez máis servizos se externalizan e se abaratan pola vía da subcontratación, as condicións das traballadoras e traballadores empeoran para adaptarse á competencia., sinalou Óscar Calvo, Secretario Comarcal de Banca, Oficinas e Telemárketing da CIG.
Anunciamos a presentación dunha moción no próximo Pleno para que o Concello da Coruña amose o seu apoio, exixa unhas condicións laborais e salariais dignas para as persoas que traballan no sector, reivindicar a existencia dun marco galego de relación laborais e para poñer en valor a atención en lingua galega como un xeito de crear e fixar emprego no noso país
Deste xeito, anunciamos a presentación para o próximo Pleno ordinario dunha moción para que o Concello da Coruña amose o seu apoio ao sector e que se reivindiquen unhas condicións laborais dignas.
Asumimos plenamente todas as reivindicacións da representación das traballadoras e traballadores do sector e reclamamos a negociación en Galiza nun marco galego de relacións laborais. Asemade tamén reclamamos campañas de sensibilización para que o cliente final coñeza que ten dereito a ser atendido en galego, e que esixindo atención en galego colabora con que non se perdan empregos en Galiza, que non se deslocalicen postos de traballo, e impedir que as empresas marchen da Galiza; que se presione ás empresas para que indiquen que os servizos se prestan tamén en galego, que se entenda como un valor engadido, e que se dote de persoal suficiente para cubrir os servizos na nosa lingua.
A Coruña, 12 de xullo de 2016