Animamos a participar nas marchas do 8M e criticamos que a alcaldesa se pronuncie contra un dereito fundamental

Foto Luzes de Galiza
Foto Luzes de Galiza
A concelleira do BNG Avia Veira chamou hoxe a participar nas mobilizacións feministas do 8M e criticou a alcaldesa por se pronunciar contra o exercicio dun dereito fundamental.
Animamos a participar nas marchas do 8M e criticamos que a alcaldesa se pronuncie contra un dereito fundamental

En declaracións aos medios realizadas diante do Mercado de Elviña –nunha comparecencia con Ana Miranda para dar conta dunha iniciativa do BNG en Europa sobre a situación das traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar-Veira considera que a pandemia veu demostrar até que punto é necesaria a mobilización feminista.

“Temos que mobilizarnos máis que nunca este 8M. No combate contra a pandemia, as mulleres somos maioría en todos os servizos esenciais, desde o sector sanitario ao da limpeza pasando polas traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar. Pensade na precariedade das caixeiras, na das enfermeiras eventuais”, díxolles Avia Veira aos medios.

Naturalmente, as mobilizacións teñen que se producir coas máximas garantías de seguranza. “Por suposto, como en calquera outro acontecemento, por exemplo os deportivos, en que se que se prevexa a asistencia de moita xente”, indicou. Nese sentido, remarcou que desde o colectivo Galegas 8M “escolleuse un percorrido para a manifestación que é moi seguro, con moito espazo para garantir as distancias de seguranza”.

Xulga Avia Veira “terríbel” que a alcaldesa desaconsellase o exercicio de dereito de manifestación xusto no momento “en que é máis necesario que nunca que se faga ouvir a voz das mulleres”.

Á concelleira do BNG chámalle moito a atención que a alcaldesa se pronunciase contra a participación das mulleres nas marchas do 8M e, en troca, non o fixese contra algunhas escenas ben preocupantes que se viron na cidade esta pasada fin de semana, con terrazas cheas moi por enriba do que marcan as normas. “Foi un auténtico escándalo o que vimos esta semana e aí, e non en manifestacións convocadas con todas as normas de seguranza, si que se puxo en risco a saúde pública”, engadiu.

Veira agarda que a alcaldesa rectifique e anuncia que no Pleno do próximo xoves o BNG defenderá unha moción “que vai sobre as traballadoras do SAF e sobre as mobilizacións do 8M”, iniciativa que a formación nacionalista confía en que sexa aprobada “cos máximos apoios posíbeis”.

 

Animamos a participar nas marchas do 8M e criticamos que a alcaldesa se pronuncie contra un dereito fundamental