Ana Pontón tamén estará o domingo nas rúas da cidade para dicir alto e claro que "A Coruña non se vende"

Ana Pontón e Avia Veira #ACoruñaNonSeVende
Ana Ponton, nun momento da comparecencia
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, estivo hoxe connosco para, nunha comparecencia ante os medios, anunciar a súa presenza na grande manifestación cidadá do próximo domingo. "
Ana Pontón tamén estará o domingo nas rúas da cidade para dicir alto e claro que "A Coruña non se vende"

"É moi importante esta mobilización. É moi importante que enchamos as rúas, para dicirmos que non aceptamos agravios por parte do Estado, mais tampouco imos permitir que se venda o porto da Coruña para que gañen uns poucos e perda a cidade. Eu vou estar presente na manifestación. Este é un tema que trascende a cidade da Coruña, é unha cuestión de país. Temos que defender que estes peiraos volvan ao seu lexítimo dono, que é a cidade da Coruña, e que se utilicen pensando no ben común", dixo Ana Pontón no seu encontro perante os medios, nun dos miradoiros do Paseo Marítimo á altura do Parrote.

"Temos que frear calquera intento de especulación cos terreos portuarios", remarcou non se antes verter críticas a Feixoo por actuar neste asunto como "un comercial" dos "intereses inmobiliarios" que buscan dar un pelotazo nos peiraos. "A presión cidadá foi a que impediu que se aplicase o convenio de 2004. Estou certa de que esa presión continuará para blindar o porto de calquera tentación de utilizar o porto para o lucro dunha minoría", engadiu.

Ana Ponton 2

Pontón resumiu en tres trazos a posición do BNG no actual debate sobre o porto: o Estado ten que condonar a débeda da Autoridade Portuaria pois a obra de Punta Langosteira foi decidida nun Consello de Ministros (non podemos aceptar a aldraxe de que si haxa perdón para o débito de Valéncia e non para o noso), o enlace ferroviario a Punta Langosteira ten que ser licitado xa con independencia de que vaia haber ou non financiamento europeu e non ten sentido que a Xunta poña diñeiro para mercar terreos que xa son públicos e que teñen que ser cedidos gratuitamente ao Concello da Coruña.

Por súa parte, Avia Veira salientou que historicamente a cidade sempre foi quen de se mobilizar para salvagardar os bens comúns. "Os peiraos son terreos gañados ao mar, pois ben no seu día foron utilizados para acrecentar os bens comúns da cidade, non para o enriquecemento duns poucos", indicou. A marcha do 30M procura recoller ese legado de defensa cidadá do patrimonio público.

Ana Ponton 3

"Hoxe en día", acrecentou a nosa concelleira, "defender o noso porto significa que o porto interior continúe a ser un porto vivo, un espazo para reactivar a nosa economía, para instalar empresas relacionadas co mar, co coidado do medio ambiente, ou a investigación, o desenvolvemento e a innovación". "Un espazo, en definitiva, para o emprego a longo prazo", subliñou.

E hai máis: "Podemos empregar os terreos do porto para mellorar a mobilidade da nosa comarca, para ter máis zonas verdes, e espazos en que instalar equipamentos e servizos públicos, necesidades que se fixeron aínda máis necesarias se cabe durante esta pandemia". "Son ideas do BNG para un porto sustentábel" e que "nos permita enfrontar o cambio climático".

 

Ana Pontón tamén estará o domingo nas rúas da cidade para dicir alto e claro que "A Coruña non se vende"