Pedimos acceso ao convenio da Intermodal para coñecermos os usos comerciais reservados ao ADIF
“A día de hoxe, os grupos municipais continuamos sen coñecer o contido concreto do que asinou onte a alcaldesa. Iso non é tolerábel. O normal é que, en virtude dun principio de mínima transparencia, os acordos terían que estar xa pendurados na web do Concello para o seu público coñecemento”, considera Avia Veira.
No Pleno do pasado 6 de maio, o BNG suscitou xa a cuestión de os grupos non ter información sobre os usos comerciais e complementarios (para enaxenación de espazos) que o convenio atribuiría a ADIF na futura Intermodal.
“Preocúpannos especialmente as superficies comerciais que se podan instalar alí, polo impacto que podan vir a ter sobre o pequeno comercio do barrio dos Mallos”, di Avia Veira.
É por isto que o BNG solicita por escrito ter acceso ao convenio.