CO APOIO UNÁNIME DA ASEMBLEA LOCAL

Jorquera, candidato á Alcaldía o 28 de maio: "A nosa vocación é liderar politicamente esta cidade"

Presentación Jorquera candidato
Francisco Jorquera vai ser o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña en 2023. Así o decidiu a Asemblea Local da formación nacionalista o pasado mércores, nunha sesión plenaria realizada no salón de actos da Fundación Luís Seoane. Jorquera obtivo o apoio unánime das e dos militantes do Bloque que participaron na asemblea.
Jorquera, candidato á Alcaldía o 28 de maio: "A nosa vocación é liderar politicamente esta cidade"

Francisco Jorquera vai ser o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña en 2023. Así o decidiu a Asemblea Local da formación nacionalista o pasado mércores, nunha sesión plenaria realizada no salón de actos da Fundación Luís Seoane. Jorquera obtivo o apoio unánime das e dos militantes do Bloque que participaron na asemblea.

“A nosa vocación non é ser concelleiros e concelleiras dun goberno liderado por outra forza política. A nosa vocación é ser alternativa. Liderar politicamente esta cidade”, dixo esta mañá Francisco Jorquera nun acto público de presentación da súa candidatura e no que, baixo o lema de Impulsa A Coruña, estivo acompañado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Unha nutrida representación do tecido social e veciñal da Coruña asistiu ao evento, no que tamén estiveron presentes o responsábel local da formación nacionalista, David Soto, a concelleira Avia Veira e a parlamentar Mercedes Queixas.

“Sabemos que é un reto ambicioso. Mais A Coruña necesita impulso e ambición”, remarcou Jorquera, quen esclareceu que se o BNG presenta candidatura á Alcaldía “é porque non aceptamos o rol de actor secundario que o PP e o PSOE queren asignarnos”. “Que perdan toda esperanza”, engadiu.

Presentación Jorquera candidato 3

A ambición coa que o BNG  afronta o reto das municipais de 2023 é a mesma coa que a formación nacionalista coloca como obxectivo liderar o goberno galego nas próximas eleccións autonómicas. “Hoxe temos connosco Ana Pontón. Asumiu o liderado do BNG nun momento moi difícil. A Ana Pontón, como moito, asignábanlle o papel de outsider e hoxe moi poucos dubidan que vaia ser a próxima presidenta da Xunta”, afirmou.

Para Jorquera, ser candidato á Alcaldía é “unha honra”, despois de ter “intentado defender con dignidade os intereses de Galiza, e tamén da Coruña, no Parlamento español e no galego”. “Desde hai tres anos teño a oportunidade de traballar en primeira liña pola miña cidade. A cidade na que vivo desde os 9 anos e onde naceron a miña muller e os meus fillos. E creo que estes tres anos serviron para estar mellor preparado para asumir un novo reto”, subliñou.

O BNG é, enfatizou, a “forza emerxente” na Coruña, “a forza política con máis expectativas de crecemento”, de aí que “asumamos este reto coa convicción de que, co liderado do BNG, A Coruña vai ter o impulso que necesita”.

E é que, razoou, “na Coruña existe a percepción de que á cidade lle falta impulso”, entre outras razóns porque “non existe un proxecto claro que marque un horizonte cara ao que avanzar”.

Presentación Jorquera candidato 4

E se ben é certo que un proxecto de cidade non se dá plasmado en apenas tres anos, non o é menos que “pouco proxecto pode haber cando unha cuestión chave para o futuro da Coruña como o cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030 é tramitada polo Goberno Local de forma improvisada, precipitada e trapalleira”.

“E pouco proxecto de cidade pode haber”, acrecentou, “cando non se é capaz de resolver os problemas do día a día. Xa sexa a limpeza, a vivenda, o estado de rúas e beirarrúas ou as melloras nas liñas de buses”.

E ante a falta de proxecto do actual Goberno Local, o BNG chama “a todas a coruñesas e coruñeses a impulsar A Coruña e a facelo con nós”. Impulsar A Coruña para construír unha cidade para vivir e traballar, ben tamén como para articular a comarca da Coruña como unha realidade metropolitana. Impulsar unha cidade á medida das persoas seguindo os principios de experiencias exitosas levadas a cabo por gobernos municipais do BNG e que hoxe son mesmo un referente mundial. Impulsar outro modelo de mobilidade –as persoas e o transporte colectivo primeiro, os vehículos particulares despois- e darlle pulo tamén ao enorme potencial que temos no eido da cultura.

Presentación Jorquera candidato 2

O impulso tamén haillo que dar ás políticas de medio-ambiente –para que realmente se faga reciclaxe-, vivenda –para que o acceso a moradas dignas non sexa un imposíbel para miles de persoas- e servizos sociais –para combater as crecentes desigualdades.

“E impulsar tamén A Coruña para termos un Goberno Local esixente coas outras administracións”, recapitulou Jorquera, “por exemplo cando se trate de defender o noso porto ou de reclamar que nos devolvan edificios e terreos que son nosos, en vez de especular ou de facer caixa con eles.

Comeza hoxe, coa presentación do candidato á Alcaldía, un camiño que continuará coa elaboración do resto da lista do BNG ás municipais de 2023. “Unha candidatura”, avanzou, “que terá un marcado perfil social, aberta a todos os que compartan o noso proxecto para A Coruña”. “Unha candidatura que será espello do que é esta cidade. Do que é e do que aspira a ser”, remarcou.

E á vez que se conforma a equipa se irá elaborando tamén “o noso programa electoral, que faremos en diálogo coa sociedade”. Para impulsar A Coruña, precisou, o BNG ten dous avais: “O aval do bon labor dos gobernos municipais do BNG e o aval do traballo do BNG no Concello durante estes tres anos, en que achegamos proxecto, solidez, solvencia e capacidade de diálogo, alén de sermos unha forza política estábel e confiábel”.

E, xa a modo de coda, remarcou: “Non estamos aquí para cubrir o expediente. Estamos aquí para ofrecerlle á Coruña unha alternativa, un horizonte. Asumindo o liderado desta cidade”.

Jorquera, candidato á Alcaldía o 28 de maio: "A nosa vocación é liderar politicamente esta cidade"