MOCIÓN DO BNG PARA O DEBATE NO PLENO DO 5M
Na ampliación do CHUAC non queremos fórmulas de xestión privada como no Álvaro Cunqueiro
Con esta iniciativa, o voceiro nacionalista procura tamén o apoio do Pleno do Concello para demandar da Xunta que reverta os recortes introducidos no servizo público de saúde durante os anos de xestión de Feixóo ao fronte da Xunta.
Nese sentido, e na exposición de motivos desta iniciativa, Jorquera lembra que en sesión extraordinaria realizada o 12 de novembro de 2019 o Pleno instou a Xunta a que recuperase o servizo de xinecoloxía no Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo, ao tempo que lle demandaba que dotase dun servizo de pediatría e dunha matrona o Centro de Saúde de Novo Mesoiro. Pedíase tamén melloras na accesibilidade doutros centros, omo o de Durmideiras, e unha maior provisión de efectivos profesionais “para diversos centros nos que a demanda aumentou, como é o caso dos que atenden a veciñanza dos Rosais ou do Castrillón”.
A Xunta debe reverter a política de recortes e, entre outras cousas, debe repor o servizo de xinecoloxía no COF de Ventorrillo
Todas esas peticións do Concello están pendentes de seren atendidas pola Xunta de Galiza.
Canto á ampliación do CHUAC, esta moción do BNG defende que se complete o proceso de reforma e acondicionamento do actual hospital antes de acometer novas obras e que se estuden alternativas “que eviten ou minimicen o seu impacto na veciñanza da contorna”.
Jorquera subliña que até agora a ampliación do CHUAC é apenas “unha presentación virtual, sen un proxecto redactado, nin un calendario e uns compromisos de investimento orzamentados”. A maiores, remarca, “a actuación anuncaida non se adapta ás previsións do Plan Xeral de Ordenación Municipal” e “os veciños e as veciñas da contorna enteráronse pola prensa do anuncio, pese á grande afectación que tería a ampliación de se levar a cabo nos termos anunciados”.