ASÍ SE DESPRENDE DUNHA RESPOSTA Á NOSA DEPUTADA MERCEDES QUEIXAS

31% de aumento de denuncias na Coruña e a Xunta non contempla crear un centro de crise 24 horas para as mulleres vítimas de violencia sexual

Faixa do BNG 25N de 2025
Faixa do BNG no último 25N
Segundo os dados dispoñíbeis, ao longo dos últimos catro anos o número de denuncias por violencia sexual aumentou dramaticamente, até o 31%, na cidade da Coruña.
31% de aumento de denuncias na Coruña e a Xunta non contempla crear un centro de crise 24 horas para as mulleres vítimas de violencia sexual

Pois ben, pese a esa realidade, a Xunta non contempla crear na nosa cidade, a curto prazo, un Centro de Crise 24 horas para a atención ás vítimas de violencia sexual.

Así se desprende da resposta ofrecida polo Goberno galego á deputada do BNG Mercedes Queixas, quen lle dirixira unha pregunta en relación a esta cuestión.

A Xunta limítase a dicir que na provincia coruñesa xa existen dous centros de crise 24 horas, un en Santiago e outro en Ferrol, sen na resposta citar a nosa cidade, cando na súa pregunta Queixas inquiría o Goberno galego se ía comprometer a creación dese equipamento na Coruña.

Todo o máis que chega a comprometer o Goberno galego é que está a analizar “con detalle” os datos dos seus centros de crise, sen desbotar “a apertura de novos puntos de atención”, en función “das necesidades”.

“Dito doutro xeito”, avalía e denuncia Mercedes Queixas, “o aumento desmesurado do número de mulleres vítimas de violencia sexual aínda non lle parece suficiente ao goberno galego”.

“O aumento desmesurado do número de mulleres vítimas de violencia sexual aínda non lle parece suficiente ao Goberno galego como para crear un centro de crise 24 horas nunha cidade con máis de 250 mil habitantes”, denuncia Mercedes Queixas

O BNG considera que estamos perante “cifras alarmantes” de denuncias, unha situación que obriga “a unha acción política comprometida”.

“É evidente, cos datos na man, que A Coruña, unha cidade de máis de 250 mil habitantes, necesita un centro de crise 24 horas para a atención das mulleres vítimas de violencia sexual”, alega Queixas.

O combate á violencia machista precisa de máis “recursos públicos”, para “en primeiro lugar, a prevención”, mais a seguir tamén “para unha atención inmediata ás vítimas unha vez que a agresión sexual se ten producido”.

As mulleres vítimas desta caste de violencia merecen un goberno galego que si considere prioritario o combate a todas as formas en que se expresa o machismo e que “destine os suficientes recursos públicos para traballar a favor da igualdade e en contra do negacionismo”, conclúe Queixas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

31% de aumento de denuncias na Coruña e a Xunta non contempla crear un centro de crise 24 horas para as mulleres vítimas de violencia sexual