REPÚBLICA GALEGA

27 de xuño: República galega!

Animamos á veciñanza da Coruña a celebrar o octoxésimo sexto aniversario da proclamación da República galega

Recordamos o 27 de xuño de 1931 e alentamos ao pobo da Coruña a pendurar das fiestras das súas casas a bandeira galega en lembranza desta tan significativa data

27 de xuño: República galega!

Vimos de realizar un chamamento á veciñanza da Coruña a celebrar mañá, 27 de xuño, a proclamación da República galega, coincidindo co seu 86º aniversario.

Titulares do periódico

Deste xeito, animamos a todas as veciñas e a todo os veciños da Coruña a lembrar a data como un dos acontecementos históricos do noso país máis intencionadamente esquecidos polos “historiadores oficiais”, e que no seu momento representou un fito revolucionario e transformador, naquela altura, no período da II República española.

A toma do Concello e do Goberno Civil de Ourense polas clases populares e pequena burguesía, inzándose en ambos casos a bandeira galega, así como o nomeamento, en Compostela, de Alonso Ríos como Presidente desta República, as revoltas en multitude de concellos e, ademais, de se redactar uns puntos fundacionais e de esixir a dimisión de todos os cargos electos en deputacións e nos cargos que se ostentasen en administracións do Estado, son os feitos máis destacados dos acontecidos na contorna deste 27 de xuño de 1931, algo que todas e todos os galegos deberiamos coñecer, xa que logo están agochados intencionadamente na nosa historia co obxecto de negarnos constantemente a nosa condición de nación.

É por isto que alentamos ao pobo da Coruña a pendurar das fiestras das súas casas a bandeira galega en lembranza desta tan significativa data, como acto simbólico de homenaxe e de empoderamento da nosa historia e de recuperación da Memoria Histórica.

A Coruña, 26 de xuño de 2017.

27 de xuño: República galega!