PEPRI: O BNG advirte de que o Goberno local non acata ao 100% o informe de Patrimonio
A Coruña, 20 de xaneiro de 2015.- Logo de terse examinado o expediente administrativo para a aprobación definitiva do PEPRI no pleno do día 26 de xaneiro de 2015, a xuízo do Grupo Municipal do BNG resulta evidente que o Goberno Local non acata ao cento por cento o informe de Patrimonio de 15 de xaneiro de 2015. Informe que, ademais, foi emitido por Patrimonio coas reservas propias da cautela de non ter enviado o Concello da Coruña toda a documentación do PEPRI.
O Goberno Local pasa dalgúns aspectos que lle di Patrimonio sen explicar as causas
O Goberno Local semella seguir pasando dalgúns aspectos indicados por Patrimonio no seu informe, tal e como se desprende do estudo das normas urbanísticas no caso concreto do artigo 129, sobre uso residencial e subdivisión de vivendas. A respecto deste artigo, Patrimonio recomenda manter o texto do PEPRI de aprobación inicial de decembro de 2012 (Tolérase, no marco dunha actuación xeral sobre a edificación, a subdivisión de vivendas maiores de 150 m2 sempre que iso sexa posíbel sen alterar os elementos básicos de organización da edificación, e as vivendas resultantes teñen unha superficie útil mínima de 70 m2), mais o Goberno Local non só segue permitindo sen limitacións a subdivisión de vivendas (véxase a redacción actual do artigo 129 que é exactamente igual que a redacción de decembro de 2014, anterior ao informe de Patrimonio), senón que non dá razóns polas que se mantén nas súas trece.
Un informe emitido por Patrimonio con todas as cautelas, dado que non se lle enviou o expediente completo da documentación do PEPRI
Da lectura do que se indica expresamente no informe de Patrimonio de 15 de xaneiro de 2015, pódese apreciar, ademais, como a propia Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta de Galiza Patrimonio non se fía da documentación que lle mandou o Goberno Local do Concello da Coruña, razón pola que emite un informe con todas as cautelas e limitacións que supón non contar coa documentación íntegra do expediente administrativo. Trátase de cautelas e limitacións á hora de informar que se poden apreciar nos seguintes apartados:
En primeiro lugar, porque o propio informe sinala que da análise da documentación presentada é necesario indicar que non foron incorporadas condicións xa sinaladas no informe da DXPC de agosto de 2014.
En segundo lugar, porque o Concello da Coruña non enviou todo o expediente administrativo do PEPRI, razón pola que o informe de Patrimonio se limita á avaliación das modificacións introducidas no documento que se relacionan no informe asinado en data de 12 de xaneiro de 2015 polo xefe de departamento de Planeamento e o director de Urbanismo do Concello, que foi remitido a xefatura territorial desta consellaría o 13 de xaneiro de 2015. Isto é unha evidencia no caso concreto das fichas, afirmándose a este respecto por Patrimonio que neste aspecto ten que sinalarse que só foron revisados aqueles aspectos que se indicaran no informe da DXPC do 29.08.2014, polo que se estima que ningunha outra ficha sufriu ningunha modificación ou alteración con respecto ao documento informado no seu momento, xa que non se recollen nos informes municipais do 12.01.2015. Noutras palabras, Patrimonio dá a entender que non se lle enviou o conxunto total das fichas.
E en terceiro lugar, porque o Concello da Coruña non lle enviou o Estudo Económico e Programa de Actuación a Patrimonio. Neste sentido, Patrimonio confirma esta falta de envío indicando que no documento achegado non se incorpora o tomo correspondente de Estudo Económico e Programa de Actuación, pola que non se pode valorar o seu contido e mantense a interpretación do informe da DXPC do 29.08.2014.