O bus seguirá a encarecerse se o Goberno municipal non revisa a concesión da Compañía de Tranvías
A Coruña, 8 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG acusa o Sr. Negreira de ser o alcalde que máis encareceu as tarifas do bus urbano. Advirte o BNG de que os billetes e mais as subvencións que lle achega o Concello á Compañía de Tranvías volverán incrementarse se o alcalde segue a negarse a revisar a concesión da Compañía de Tranvías e, nomeadamente, a fórmula polinómica de cálculo dos billetes.
Ademais, as nacionalistas poñen de manifesto que a base de negociación para a tarifa do autobús en 2014 non será a de 1,27 senón a de 1,31 euros. Documentación da Compañía de Tranvías recolle que "os próximos cálculos para a revisión tarifaria executaranse sobre a base da tarifa, sen descontos, por ser unha situación conxuntural e realizada polo concesionario sen obriga legal nin contratual en tal sentido. E a base da tarifa, sen descontos, é 1,31 euros (1,27 sería a base con descontos). Sinálase tamén que o acordo "ten un prazo de validez de un ano, deixando de ter efecto polo tanto o día 31.12.2013 en que se cobrará xa a tarifa sen desconto".
Os colectivos máis desfavorecidos, os que máis sofren o encarecemento do bus
A propia Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) publicou este ano un estudo que revela que A Coruña é unha das cidades do Estado español co autobús máis caro, xunto con Madrid, Huesca, Alicante e Vigo. Os colectivos máis desfavorecidos foron os máis prexudicados pola última suba de tarifas aprobada polo Goberno municipal e que entrou en vigor a principio de 2013. De feito, o colectivo que rexistrou este ano unha maior suba da tarifa é o universitario, ao que lle aumentou o bonobús un 11,1% (até os 0,30 euros). Ademais, o bonobús escolar, para persoas con discapacidade, desempregadas e xubiladas subiu un 10% (até os 0,33 euros); o bonobús xeral encareceuse un 9,33% (até o 0,82 euros) e a tarifa xenérica aumentou un 5,8% (até o 1,27 euros).
Está na man do Goberno do Sr. Negreira acabar con esta inxusta situación. Por iso, o BNG insiste en reclamar a revisión da concesión da Compañía de Tranvías (en base ao artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña) e, nomeadamente, a fórmula para o cálculo da tarifa (en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión).
Se o Goberno municipal non corrixe esta a fórmula para o cálculo da tarifa, todos os anos vai subir o billete do bus. A chamada fórmula polinómica calcúlase en función do incremento destas cinco variábeis: custo salarial, custo dos combustíbeis, amortecemento de vehículos, IPC e beneficio industrial. Non se teñen en conta nin as subvencións outorgadas polo Concello da Coruña á Compañía de Tranvías nin a estrutura de gastos de explotación da empresa. Deste xeito, o aumento dos prezos é, cada ano, automático. As nacionalistas reclaman modificar a fórmula de cálculo das tarifas para que se compute o beneficio de explotación da empresa (4,66 millóns no 2012) e as subvencións que lle dá o concello (8,04 millóns no 2012).