O BNG insta o Goberno local a garantir a correcta prestación do servizo de socorrismo

O BNG insta o Goberno local a garantir a correcta prestación do servizo de socorrismo

A Coruña, 12 de setembro de 2012.- O concelleiro nacionalista Xan Caxigal vén de rexistrar unha batería de preguntas en que se interesa polo servizo de socorrismo das praias coruñesas, logo de denunciar graves irregularidades hixiénico-sanitarias, das condicións laborais e do uso do material e do equipamento por parte da empresa adxudicataria. Caxigal esíxelle ao Goberno local nesta iniciativa que garanta a correcta prestación do salvamento, socorrismo, vixilancia e primeiros auxilios, servizo que está adxudicado por 430.000 euros anuais.

O concelleiro do BNG salienta a necesidade de preservar os intereses públicos e os recursos materiais e económicos do Concello tras recoller as denuncias que apuntan a unha serie de deficiencias, como a escaseza de osíxeno nos areais de Santo Amaro e de Oza, a imposibilidade de esterilizar o material ou a sucidade das casetas. Tamén alude o nacionalista na exposición de motivos das preguntas a que as máscaras para as recuperacións cardio pulmonares foron repartidas aíndas a mediados de agosto e a que as baterías dos desfibriladores estiveron caducadas.

 

Caxigal vén de rexistrar unha batería de preguntas en que denuncia as irregularidades da empresa adxudicataria

Caxigal tamén denuncia que o operativo de socorrismo na praia de Santa Cristina pecha unha hora antes do estipulado no prego de condicións (ás 20h en lugar de ás 21) e que as motos de auga son de competición e non están homologadas para prestar o servizo de salvamento. Ademais da falta de cascos para as motos, o edil do BNG pon de manifesto que as embarcacións incumpren a normativa, xa que non están aproadas cara ao mar e están incluídas na sétima lista e non na sexta (o que implicaría contar cun patrón de porto para o seu manexo, e non un patrón de embarcación de recreo, como hai na actualidade).

Ademais, Caxigal dá conta na iniciativa dos incumprimentos das condicións laborais do persoal, con xornadas interminábeis de 10 horas, máis as horas extra, cos xantares dentro da casera e sen vacacións. Advirte tamén de que os postos de traballo son modificados dun día para outro, sen xustificación, e sen aviso previo e de que as nóminas non son pagadas con puntualidade. Así, expón que o servizo se cumpre por debaixo das esixencias de persoal mínimo recollidas no prego de condicións.

O concelleiro nacionalista pídelle ao Goberno local axilidade para que lle faga cumprir, canto antes, o prego de condicións á empresa adxudicataria, garantindo a seguridade e a hixiene tanto dos usuarios e usuarias das praias como dos traballadores e traballadoras da concesionaria.

O BNG insta o Goberno local a garantir a correcta prestación do servizo de socorrismo