O BNG "entende" agora o fervor relixioso de Semana Santa, visto que supón un "xacemento de emprego"
A Coruña, 17 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG entende o fervor relixioso de Semana Santa visto o gasto en costaleiros contratados, que foi de cáseque 29.000 euros segundo se evidencia da factura emitida ao IMCE por SERMASA (empresa pertencente ao Grupo Vendex) o 8 de abril de 2013.
Agora "entendemos" o fervor relixioso de Semana Santa, visto o gasto en costaleiros contratados para levar os pasos procesionais e o investimento económico municipal no que semella ser un "novo xacemento de emprego"
As nacionalistas, que accederon recentemente aos expedientes de Semana Santa dos últimos tres anos tras a súa solicitude ao coñeceren que a Semana Santa de 2012 era obxecto de investigación por parte da xuíza instrutora da operación Pokémon, puideron comprobar que o gasto en persoal de servizo para a Semana Santa do ano 2013 foi de 28.664,85 euros. O ano 2011 o concello orzara un gasto en axuda á montaxe de 10.317,88 deuros e o ano 2012 orzara un gasto en persoal de servizos de 5.640,16 euros.
As festas de Semana Santa de 2013, levadas a cabo na cidade durante os días 24 a 31 de marzo, tiñan un orzamento de gastos por parte do IMCE de 59.153,77 euros no que figuraban gastos en bandas e agrupacións musicais, o certame internacional de modelismo a escala, persoal de servizos, transporte, iluminación, son, palcos, seguridade e floristaría.
O Goberno local gastou case 29.000 euros en persoal de servizo para a Semana Santa de 2013, tal e como se evidencia na factura emitida por SERMASA (grupo Vendex)
O gasto realizado, concretamente, en persoal de servizos, e facturado a SERMASA baixo o concepto de Semana Santa, foi de 28.664,85 euros ive incluído. E na factura esmiúzase día por día o número de operarios que se necesitaron para desenvolver estes eventos relixiosos. Así:
-21 de marzo, 2 operarios a media xornada
-22 de marzo, 4 operarios a media xornada
-23 de marzo, 4 operarios a media xornada
-24 de marzo, 20 operarios a xornada completa
-26 de marzo, 20 operarios a xornada completa
-27 de marzo, 30 operarios a xornada completa
-28 de marzo, 30 operarios a xornada completa
-29 de marzo, 35 operarios a xornada completa
-30 de marzo, 30 operarios a xornada completa
-31 de marzo, 30 operarios a xornada completa
-1 de abril, 2 operarios a media xornada
As nacionalistas entenden agora o fervor e a devoción relixiosa destas datas na cidade da Coruña dado o número de costeleiros que contrata o Concello para levar os pasos procesionais e dado o investimento económico municipal no que semella ser un novo xacemento de emprego. Agora, sinala o BNG, que entramos en tempo de Coresma, tempo de xexún e de austeridade, agardamos saber cal será a colaboración municipal para este ano 2014.