O BNG cualifica de "fraude" a xestión que o Goberno municipal fai da planta de Nostián
A Coruña, 11 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG cualifica de nova fraude do PP a xestión que fai o Goberno do Sr. Negreira da planta de residuos de Nostián. Á vista de que o modificativo de crédito aprobado inicialmente polo PP en Pleno non cobre o investimento que esixe a xestión de residuos, as nacionalistas advirten de que terá que ser necesario outro modificativo de crédito máis para cubrir a totalidade do importe das facturas.
As nacionalistas poñen de manifesto que dos 839.999 euros solicitados pola Concellaría de Medio Ambiente para facerlle fronte ás facturas da xestión de residuos urbanos, a Concellaría de Facenda só lle asignou 242.144 euros. Serían necesarios case 600.000 euros máis até finais de ano para poder aboar o custo total xerado pola planta de Nostián. É por iso que o Grupo Municipal do BNG considera ineficiente e irresponsábel a xestión que o Goberno do Sr. Negreira fai dos cartos públicos.
O Goberno municipal segue a ocultarlle ao BNG o resultado das auditorías
Ademais, o Grupo Municipal do BNG segue sen poder coñecer o estado da planta de residuos de Nostián a través do Concello da Coruña, xa que o Goberno do Sr. Negreira segue a impedirlle o acceso ás auditorías económica e técnica. As nacionalistas sempre insistiron en coñecer o resultado destas auditorías para ter coñecemento dos incumprimentos que hai por parte de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados.
As conclusións das auditorías darían a coñecer de que parte é responsábel a empresa e de que parte o é o Concello, sempre en función do contrato da concesión. O Grupo Municipal do BNG só ten coñecemento da situación da planta de Nostián a través do Comité de Empresa de Albada, que leva tempo alertando da saturación da planta e do tratamento incorrecto e inseguro dos lixiviados. O BNG advirte de que o Goberno municipal non quere dar a coñecer o resultado porque está negociando ás agachadas coa empresa.
O BNG empraza o Goberno municipal a se involucrar na defensa dos dereitos laborais e do emprego en Nostián
Por último, o Grupo Municipal do BNG critica a indiferenza do Goberno do Sr. Negreira diante do despedimento das persoas traballadoras e da problemática creada dentro dunha planta que é unha concesión municipal. De aí que as nacionalistas empracen o Goberno municipal a se involucrar na defensa dos dereitos laborais e do emprego en Nostián.
Ademais, advirten de que dificilmente se van poder acadar as cotas de reciclaxe necesarias se hai menos persoas traballando na planta de residuos.