Un ano despois, nada se sabe da ordenanza de transparencia
A Coruña, 30 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que xa pasou máis dun ano desde que o Goberno do Sr. Negreira lle encargou a unha empresa a 13 de decembro de 2013 a redacción da ordenanza municipal de transparencia por un total de 19.914 euros. Pasado o ano, a citada ordenanza segue a ser todo un misterio, polo que o BNG presentou unha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de coñecer que acontece coa normativa.
As nacionalistas explican que despois de accederen ao expediente administrativo, preguntáronlle ao Goberno municipal cando prevía aprobar a ordenanza. En resposta a esta pregunta o Goberno do Sr. Negreira, que foi condenado por vulneración de dereitos fundamentais dos concelleiros do BNG ao lles denegar o acceso á solicitude da subvención ao transporte colectivo urbano e ás auditorías de Nostián, indicaba que a normativa estaría rematada antes de fin de ano. O fin de ano chega mañá e da ordenanza de transparencia nada se sabe. Precisamente, o Grupo Municipal do BNG critica o escurantismo que rodea a ordenanza de transparencia, todo un paradoxo tendo en conta que a normativa trata sobre o libre acceso á información.
Aproveitando que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) vén de publicar unha circular lembrándolles aos Concellos que na súa web está dispoñíbel unha ordenanza tipo de transparencia, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira polo motivo do atraso na aprobación da ordenanza e polo escurantismo respecto do proceso de elaboración da normativa. Pregúntalle, ademais, se ten rematada a ordenanza e cando prevé levala a pleno para a súa aprobación inicial. Por último, as nacionalistas queren saber se o Goberno local tivo en conta a ordenanza tipo elaborada pola FEMP.