O PP recoñécelle ao BNG a finalidade sancionadora da taxa por decomisos
A Coruña, 18 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno do Partido Popular se descobre ao recoñecerlle ás nacionalistas que as taxas por decomiso a vendedores ambulantes teñen unha finalidade sancionadora, cando o Goberno do Sr. Negreira, na sesión plenaria de novembro, xustificaba esta taxa para financiar os custes que lle xerarían ao Concello tanto o traslado como o depósito dos decomisos. Este mesmo argumento esgrimía a proposta de modificación da ordenanza fiscal número 12 reguladora desta taxa (achégase xunto á nota de prensa).
A reclamación do BNG a esta modificación da ordenanza (achégase xunto á nota), reclamación en que as nacionalistas solicitaban eliminar a taxa por decomiso, motivou un informe sobre a regulación do decomiso asinado polo xefe da policía local (achégase xunto á nota). O documento deixa en evidencia o Goberno do Sr. Negreira, que antes dicía unha cousa e agora di outra. E é que recoñece, expresamente, a finalidade sancionadora desta nova taxa e nada di sobre o suposto problema de financiamento que lle suporían ao Concello tanto o traslado como o depósito dos decomisos.
Este informe vén ratificar o denunciado polo BNG, que xa advertira de que a taxa por decomiso non ía resolver hipotéticos problemas de loxística municipal que antes non existían e que, realmente, representaba un imposto á pobreza. Nesta liña, as nacionalistas denunciaran que a taxa por decomiso ía agravar, aínda moito máis, a pobreza e a exclusión social daqueles sectores e colectivos máis vulnerábeis. Tamén salientaran que estas tarifas suporían máis unha condena sobre estes colectivos que un medio de ingreso para financiar problemas de dependencias municipais inexistentes.
O BNG volve denunciar o acoso do PP ao colectivo de inmigrantes no Día Internacional do Migrante
Hoxe, 18 de decembro, Día Internacional do Migrante, o BNG ten que volver denunciar o acoso ao que o Partido Popular somete este colectivo. E é que o Goberno do Sr. Negreira leva todo o ano afogando a multas os inmigrantes que se dedican á venda de panos de papel, bolígrafos e caramelos.
Ás nacionalistas sinalan que o proceder deste Goberno municipal coas persoas inmigrantes responde ás medidas racistas que está a adoptar o Partido Popular desde o Goberno central, como a prohibición de acceso á sanidade pública ás persoas inmigrantes en situación administrativa irregular ou o rexeitamento a retirar as coitelas nos valados de Ceuta e Melilla.