O PP ponse do lado dos verdugos ao tombar a moción do BNG sobre os crimes do franquismo
A Coruña, 25 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG acusa o PP de poñerse de lado dos verdugos ao tombar a súa moción que pedía a adhesión do Concello da Coruña á querela arxentina contra os crimes do franquismo e que reclamaba a condena da sublevación fascista e da ditadura posterior, así como o papel desenvolvido polas oligarquías agraria, industrial e financeira e pola xerarquía da Igrexa católica.
A moción das nacionalistas tamén pedía a derrogación da Lei de amnistía de 1977 co fin de poder xulgar os crimes do franquismo no Estado español, derrogación que as nacionalistas xa demandou en 2011 no Congreso dos Deputados. Ademais, reclamaba que o Goberno do Sr. Negreira adoptase as medidas necesarias para garantir que as persoas represaliadas pola rebelión militar de xullo de 1936, polo réxime franquista e polo terrorismo de Estado puidesen exercer o dereito a coñecer a verdade sobre aquel réxime, para contrarrestar os intentos de reescribir a historia que veñen facendo por parte dos seus herdeiros.
Non é a primeira vez que o Sr. Negreira, que falou de Millán Astray como un coruñés de pro, impide o debate de iniciativas do BNG que teñen a ver coa memoria histórica. Xa en setembro de 2011, o Sr. Negreira tombaba a moción presentada polo BNG, a instancias da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, para condenar a ditadura franquista, para retirarlle honras e distincións a fascistas e mais a simboloxía franquista da cidade.
Ademais de rexeitar as mocións, o Goberno do Sr. Negreira negouse a recorrer a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 3, do 1 de xullo do 2011, que obrigaba devolverle o título de fillo predilecto a Millán Astray e negouse tamén a aceptar un voto particular presentado polo Bloque ao respecto. O Sr. Negreira tamén ocultou, intencionadamente, a existencia da resolución do Xulgado Contencioso Administrativo número 1, do 28 de abril do 2011, que confirmaba a legalidade da actuación de retirarlle todos os honores e distincións a Millán Astray. Neste contexto, as nacionalistas acusan o Partido Popular emprega todo tipo de resortes para non condenar o golpe de estado e a ditadura de Franco.