O PP aplica o rolo da maioría e desestima as alegacións do BNG aos orzamentos e ordenanzas fiscais
A Coruña, 16 de decembro de 2013.- O Partido Popular pasa o rolo da maioría e rexeita toda canta emenda presentou o Grupo Municipal do BNG ás ordenanzas fiscais de 2014 e aos orzamentos de 2014, tal e como reflicte a documentación da Comisión de Facenda, á que o BNG vén de ter acceso.
Lamentabelmente, ao tombar as reclamacións do BNG ás ordenanzas fiscais, unhas reclamacións elaboradas en base á xustiza social, o Goberno do Sr. Negreira négase a evitar que o pobo pague por servizos polos que antes non tiña que pagar ou polos que pagaba menos, a que as persoas contribuíntes paguen en función da súa capacidade económica e a que o pobo pague polo servizo realmente recibido.
Co rexeitamento das reclamacións do Bloque aos orzamentos, o Partido Popular renuncia a impulsar o investimento produtivo e social, renuncia a favorecer que descenda o número de persoas que se atopan no desemprego e renuncia a atender as necesidades primarias dos barrios. Precisamente, as reclamacións do BNG aos orzamentos municipais estaban encamiñadas a impulsar o investimento produtivo, aquel capaz de xerar emprego, a diminuír o paro e a acometer melloras básicas dos barrios.
A negativa do PP ás reclamacións do Bloque é a negativa ás reclamacións da veciñanza na medida en que as concelleiras nacionalistas visitaron os barrios e mantiveron reunións coas asociacións veciñais para coñecer de primeira man as necesidades urxentes, de cara a facer propostas nos orzamentos. Nesta liña, o BNG lamenta que o PP desoíra as necesidades dos barrios e teime, así, en destinar todo o investimento público nunha zona concreta da cidade, no Parrote e na Mariña, creando un centro e barrios periféricos excluídos e marxinados.