A ordenanza de terrazas foi feita ao antollo do presidente da Asociación Provincial de Hostalaría
A Coruña, 4 de xaneiro de 2014- O Grupo Municipal do BNG lembra que a nova ordenanza que regula a instalación de terrazas en espazo público foi elaborada ao ditado da Asociación Provincial de Hostalaría, xa que o Partido Popular cumpriu todos os gustos e antollos desta entidade, que nin de lonxe representa o colectivo de hostaleiros e hostaleiras da cidade e que se dedica a defender os intereses particulares duns poucos.
O Bloque considera absurdas as críticas desta asociación por, simplemente, acusar o Sr. Negreira de desleixo ante o incumprimento da normativa pactada, precisamente, entre o Goberno do PP e a entidade presidida polo Sr. Cañete. Nesta liña, o BNG salienta a insensatez da Asociación Provincial de Hostalaría que, malia consensuar co PP esta ordenanza, chegou a declarar publicamente que quería eludir o pagamento das taxas que estabelece a propia normativa e chegou a solicitarlle ao Concello a suspensión do cobro destas taxas.
As nacionalistas denunciaron, desde o primeiro momento, a arbitrariedade da ordenanza de terrazas e a inseguridade xurídica que comporta a normativa, que hoxe en día non se está a cumprir en moitos dos seus termos.