Novo "mamotretiño" no Parrote con enorme impacto visual sobre o castelo de Santo Antón
A Coruña, 18 de xuño de 2014- Non hai dous sen tres. O Grupo Municipal do BNG denuncia hoxe un novo mamotretiño que se está a construír no marco das obras do Parrote que tamén ten un enorme impacto visual sobre o castelo de Santo Antón e sobre a bahía. Trátase dunha edificación de ladrillo, ao pé do adefesio da estrutura metálica do elevador, que se corresponde coa saída de gases do local da planta baixa, tal e como pode comprobarse nas imaxes que se xuntan. O BNG pon de manifesto que esta estrutura, ademais, non figuraba nin no estudo de detalle nin no proxecto da concesión.
Deste xeito, a edificación para a saída de gases súmase aos mamotretos da estrutura metálica do ascensor e do edificio para usos comerciais e conforma un triángulo de estruturas dun impacto visual innegábel que racha coa harmonía da perspectiva do litoral portuario desde o paseo do Parrote.