A instancias da asociación de veciñ@s, o BNG exixe melloras elementais para o barrio de Bens
A Coruña, 15 de outubro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira vén de presentar unha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de que o Goberno municipal acometa melloras no barrio de Bens, que padece un estado de abandono. A asociación de veciños e veciñas tenlle reclamado ao Goberno do Sr. Negreira que se cubran necesidades tan básicas como o estabelecemento de pasos de peóns, a comunicación en autobús, o saneamento das beiras das estradas ou o arranxo dos camiños, sinala a edila nacionalista. A resposta do Goberno municipal parece sempre ser positiva, mais as solucións ás súas demandas nunca chegan a materializarse, engade.
Así, a instancias da entidade veciñal, Avia Veira pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira cando vai dotar o barrio de Bens de beirarrúas, concretamente na estrada que une Mazaído con San Pedro de Visma, e de pasos de peóns na estrada principal e mais en todo o núcleo. Pregunta tamén cando lle vai esixir á Compañía de Tranvías que prolongue as liñas de autobuses que van a San Pedro de Visma até Bens. Por último, a concelleira do Bloque interésase polos motivos de que non se teñan saneado as beiras das estradas e de que estean sen arranxar os camiños que discorren polo núcleo de Bens.