Carril grava A Coruña mariñeira para reivindicar o mar como fonte de traballo e riqueza
A Coruña, 15 de abril de 2015.- O BNG-Asembleas Abertas fixo público esta mañá un novo vídeo, gravado polo propio candidato, Xosé Manuel Carril, mentres patea #TodasAsCoruñas. Desta vez, a protagonista é A Coruña mariñeira, co fin de reivindicarmos o mar como fonte de traballo e riqueza e como berce da nosa cultura e espazo de lecer.
Con esta peza audiovisual, Carril pon de manifesto que o noso futuro tamén está na cidade que naceu do mar. Precisamente, A Coruña mariñeira é un dos eixos da campaña #TodasAsCoruñas, na que o BNG-AA salienta a necesidade de recuperarmos a cidade que naceu no mar para a encadrar na súa contorna mariña, tanto cultural como económica, potenciando, apoiando e defendendo as actividades de pesca, marisqueo, percebe e baixura en todos os seus ámbitos de actuación.
O BNG-AA defende que lonxe de ser un lugar de especulación urbanística, o porto da Coruña debe ser declarado altamente dependente da pesca e debe contar coas infraestruturas necesarias para garantir as actividades marítimo-pesqueiras. Ademais, o BNG-AA aposta pola recuperación integral da ría do Burgo e a planificación racional dos seus recursos, alén de recuperar o banco marisqueiro e pesqueiro da zona da contorna do emisario de Bens, zona totalmente degragada e que conta cunha gran riqueza mariña.
A nova peza audiovisual gravada por Carril pode ollarse na canle de Youtube do BNG e na web www.todasascorunhas.gal.
A ligazón directa é https://www.youtube.com/watch?v=ZVDvLwcJ0Uo