Carril: "Un ano máis, sobe o billete do bus porque o PP se nega a revisar a concesión"
A Coruña, 16 de decembro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG denuncia que un ano máis, volve subir o prezo do bus porque un ano máis o Partido Popular négase a revisar a concesión da Compañía de Tranvías. E isto, engade, malia as reiteradas peticións que ten realizado o BNG desde decembro de 2011. Ademais, salienta que o billete do bus sobe no 2014, mais tamén subirá no 2015, porque o PP teima en non revisar a concesión para non molestar a Compañía de Tranvías nin o Sr. Prada.
A continuación, o portavoz do BNG pon de manifesto que, desde que o PP goberna na Coruña, o billete xeral do bus encareceuse en 15 céntimos, o bonobús xenérico, en 12 céntimos e o bonobús social (pensionistas, persoas desempregadas, persoas con discapacidade, estudantado), en 7 céntimos. E todo, insiste, dada a negativa do Sr. Negreira ás nosas demandas de revisión da concesión e da revisión da fórmula para o cálculo do billete.
Carril lembra que o Grupo Municipal do BNG levou a pleno, en dúas ocasións (en decembro de 2011 e en setembro de 2012) mocións en que reclamaba que o Concello da Coruña revisase a concesión e mais a fórmula polinómica. Ningunha das mocións prosperou dado que o Partido Popular non permitiu sequera o seu debate, apunta o nacionalista. Ademais, o BNG levou a pleno, en xaneiro de 2012 e en febreiro de 2012, dúas preguntas orais sobre as tarifas do bus que tiveron como resposta a negativa do PP a revisar a concesión e a fórmula para o cálculo do billete.