Os cambios de criterio do Goberno municipal e os seus nomeamentos
A Coruña, 9 de outubro de 2015.- Na Xunta de Goberno Local, que tivo lugar esta mañá, aprobouse o nomeamento do novo director de área de Economía e Facenda. Neste sentido, o BNG manifesta o seu desconcerto polo cambio de criterio a respecto das declaracións do Goberno municipal, ao principio de mandato, nas que manifestaba o seu compromiso de apostar polo funcionariado do Concello mais a realidade é que os últimos nomeamentos de xefes de servizo, procedentes doutras administracións, revelan que non se está a cumprir co dito.
O BNG pregúntase cales son os motivos do cambio de criterio respecto das declaracións do Goberno municipal ao principio do mandato e os últimos nomeamentos de persoal
As nacionalistas non entenden que a día hoxe se estean a contratar persoas de fóra do Concello para ocupar direccións de área ou xefaturas de servizos logo de declaracións do Sr. Ferreiro, ao pouco de tomar posesión, onde prometía reducir o gasto do goberno nun millón de euros ao ano mediante a supresión dos directores de área máis aló do asesor xurídico, que é obrigado, e un coordinador de seguridade dado que confiaban nos funcionarios.
Para o Bloque, os feitos destes últimos días contradín declaracións realizadas polo propio alcalde nas que dicía non haberá directores de área para reducir o custo e o número de asesores, e apostarase polos funcionarios do Concello que son profesionais competentes.