O BNG volve reclamarlle ao Goberno municipal que leve a Pleno o texto refundido do PXOM
A Coruña, 6 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG volve esixirlle ao Goberno municipal que leve a Pleno o texto refundido do PXOM, incluíndo os cambios esixidos pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, antes de enviarllo á Xunta de Galiza e ao Boletín Oficial da Provincia (BOP) para a súa publicación. E é que o Pleno da Corporación é o único órgano competente para tal aprobación. Así llo indicaran as nacionalistas ao alcalde nun escrito enviado a 27 de febreiro de 2013. Porén, o Goberno municipal fixo caso omiso do escrito do Grupo Municipal do BNG e optou por incumprir a lexislación urbanística e por seguir protexendo os seus amigos, os grandes promotores.
As nacionalistas advirten de que o Goberno do Sr. Negreira se nega a levar o texto refundido do Plan Xeral a Pleno para non evidenciar a tramitación sumamente chapuceira do PXOM. Sinalan que as présas e chapuzas do Sr. Negreira levárono a cometer erros que lle tivo que corrixir a Xunta de Galiza. De feito, o PXOM foi aprobado provisionalmente no Pleno extraordinario de agosto e tivo que ser levado a outra sesión plenaria, esta vez en decembro, para incorporar as mudanzas esixidas polo Goberno galego. Tal foi o conxunto de despropósitos do Plan Xeral que até a Xunta do PP o tombou, salienta o Grupo Municipal do BNG.
Ademais, as nacionalistas poñen de manifesto que o Goberno municipal se nega a levar o texto refundido do PXOM a Pleno para que tampouco se evidencie que o Plan Xeral está feito só para gusto e interese económico das grandes promotoras, amigas do Goberno do Sr. Negreira, e que se arreda das necesidades reais da nosa cidade e da súa veciñanza. O Grupo Municipal do BNG lembra que as alegacións dos grandes promotores ao Plan Xeral, aprobado inicialmente no ano 2009, foron admitidas e mesmo melloradas nalgunhas ocasións polo Goberno Local do Partido Popular.