O BNG reivindica un sistema de protección real para as vítimas da violencia machista
A Coruña, 14 de outubro de 2013.- Coincidindo co comezo da folga de fame das mulleres de Velaluz, a responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, salienta a necesidade de facer visíbel a lacra do terrorismo machista e reivindica un sistema de protección real para as mulleres e as crianzas vítimas da violencia de xénero. A nacionalista pon de manifesto a carencia de orzamentos á hora de aplicar a lei integral contra a violencia de xénero e denuncia a escaseza de cartos destinados ao salario da liberdade.
Nesta liña, Vitoria Louro critica que o PP aplique continuos recortes de medios humanos e materiais na protección das vítimas da violencia, a través de recortes orzamentarios imprescindíbeis no combate contra a violencia machista. Reproba, ademais, que o PP fomente ideoloxicamente un modelo de muller tradicional e submisa que debe regresar ao fogar para tamén, economicamente, aforrar prestacións de servizos públicos que o Estado debe garantir. De aí que Vitoria Louro alerte da indefensión á que se ven sometidas as mulleres vítimas de violencia de xénero que deciden denunciar o seu maltratador.
A responsábel comarcal de Acción Feminista pon de manifesto que o medre do desemprego (que lles afecta máis ás mulleres que aos homes) e o desmantelamento dos servizos públicos que acomete o Partido Popular empobrecen de xeito especial as mulleres e aumentan a súa vulnerabilidade ante a violencia de xénero. Vitoria Louro afirma que a dependencia económica é o maior dos obstáculos para as vítimas. Por iso, reclama mellorar a dotación orzamentaria de cara ao 2014 e facilitarlles o acceso ás axudas económicas ás vítimas da violencia de xénero. Por último, tal e como dita a Lei 11/2007, pide que se lle preste a atención psicolóxica ás mulleres e ás crianzas vítimas desta lacra na rede sanitaria pública galega.
Visita esta noite ás mulleres de Velaluz que comezan a folga de fame
A responsábel comarcal de Acción Feminista, Vitoria Louro, a secretaria Implantanción e Estratexia Municipal, Goretti Sanmartín, e a deputada Carme Adán acompañarán as mulleres que comezan a folga de fame esta noite, ás 00.05h, para transmitirlle a Velaluz o apoio e solidariedade do BNG.