O BNG reclámalle a Negreira adecentar os terreos que rodean o CEIP San Pedro de Visma
A Coruña, 21 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a adecentar a contorna e mais o acceso do CEIP San Pedro de Visma, que se atopa a día de hoxe en mal estado. Nunha batería de preguntas para a resposta escrita, o Bloque faise eco do malestar dos pais e dos nais dada a maleza que creceu nos terreos colindantes ao centro e que resultaría un polvorín en caso de incendio. Así, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Executivo do Sr. Negreira se vai rozar as fincas que rodean o centro, así como as marxes da beirarrúa e da parte na que pais e nais estacionan o coche.
Precisamente, as nacionalistas tamén se fan eco da preocupación dos pais e nais polas multas recibidas debido ao aparcamento de vehículos na parte dereita do acceso que une a Rolda de Outeiro co centro de ensino cando xa non collen máis coches no aparcadoiro do interior do colexio. De aí que o Grupo Municipal do BNG lle exixa ao Sr. Negreira que lle dea resposta a este problema.
Ademais, as nacionalistas pregúntalle ao Goberno do PP se ten previsto adecentar a beirarrúa de acceso ao centro, que se atopa deteriorada e invadida polas herbas.
Esta iniciativa do Grupo Municipal do BNG ten lugar despois de que os parlamentares nacionalistas Francisco Jorquera e Cosme Pombo visitaran o CEIP acompañados da concelleira Ermitas Valencia para comprobar, nomeadamente, as deficiencias de seguridade do ximnasio, amais doutras carencias do centro. O Grupo Parlamentar do BNG tamén rexistrou unha batería de iniciativas sobre o ximnasio e sobre as demandas da asociación de pais e nais do centro.