O BNG presenta iniciativas de actuacións concretas para o Ventorrillo e Novo Mesoiro
A Coruña, 2 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentou sendas iniciativas que a veciñanza dos barrios do Ventorrillo e Novo Mesoiro lle ten trasladado nas últimas datas.
As nacionalistas trasladan a demanda da veciñanza da rúa Alcalde Jaime Hervada que ten detectado o deterioro de sinais viarios e da veciñanza da rúa os Ancares polo apodrecemento de árbores na contorna do centro cívico de Novo Mesoiro
Así, respecto ao barrio do Ventorrillo as nacionalistas solicitan que se amañe sinalización viaria vertical na zona que sufriu danos nestas últimas semanas debido aos temporais. O Bloque sinala que veciñanza da rúa Jaime Hervada lle comunicou que tras os temporais habidos varia sinalización viaria vertical quedou afectada, chegando a caer, e que, despois de varios días, aínda non foi retirada, polo que solicitan do Goberno municipal a reposición desta sinalización.
Respecto ao barrio de Novo Mesoiro, o Grupo Municipal do BNG solicita se substitúan unhas árbores apodrecidas na rúa Os Ancares, na contorna do centro cívico. As nacionalistas lembran na iniciativa que precisamente estas árbores foron secadas e envelenadas a finais do verán do ano pasado e que, de feito, o propio BNG, presentou no seu momento unha batería de preguntas para tentar esclarecer os feitos e solicitando medidas preventivas e disuasorias para que isto non volvera a pasar. Mais que en todo caso, estas árbores, xa aparentemente mortas, seguen no seu emprazamento orixinario, e en previsión ao risco que puideran provocar solicitan a súa substitución e procurando facelo con espécimes autóctonos.
Deste xeito, o Bloque, en ambos casos, solicita ao goberno municipal que atenda estas demandas da veciñanza, a maior brevidade posíbel, e realice as actuacións necesarias.